Escoitar

O Concello organiza unha "gran mobilización cultural" o próximo venres coa Noite Branca

O alcalde, Abel Caballero, presentou a programación da Noite Branca, o próximo venres 11 de agosto, cos museos de Vigo abertos ata as dúas da mañá, 37 visitas guiadas, a inauguración da nova mostra Forever Young na Casa das Artes, exposicións temporais e ata dez concertos. <br />

venres, 4 ago 2017
1501849775noite.jpg
O goberno de Vigo programa un ano máis A Noite Branca, unha "gran mobilización cultural", en verbas de Abel Caballero, que terá lugar o próximo venres, 11 de agosto, con apertura dos museos ata as dúas da mañá, novas exposicións, concertos e visitas guiadas.

Segundo resumiu o alcalde esta mañá, na noite do próximo venres o Concello organiza 37 visitas guiadas -de carácter convencional, lúdico e teatralizado- en todos os centros museísticos, dez exposicións temporais, outros dez concertos e inaugura a mostra Forever Young na Casa das Artes.

Ata as dúas da mañá permanecerán abertos a Casa das Artes, a Pinacoteca, a Casa Galega da Cultura, o Museo de Castrelos, o Marco, o Verbum o os xacementos arqueolóxicos do Castro e de Toralla. O Museo Liste prolongará a súa apertura ata as 00:30h e ata as 23 horas, o Museo do Mar e Naturnova.

O Concello programa para o próximo venres visitas guiadas, lúdicas e obradoiros tanto na sala de arqueoloxía como no xardín histórico do Pazo Quiñones de León de Castrelos, na Pinacoteca, na Casa Galega da Cultura, no Marco, no Museo Liste e nos xacementos do Castro e Toralla.

No apartado de oferta de visitas guiadas lúdico-participativas, Abel Caballero salientou "Atópame tras os enigmas", un achegamento á exposición "Divino Profano" no Museo de Castrelos a través dun xogo de investigación; a demostración de traballo en vidro no Museo Liste; "A busca imposible", un xogo de preguntas e respostas sobre a colección Fernández del Riego na Casa Galega da Cultura; e o "Verbum Creativo", no que o público asistente poderá interactuar cos artistas no centro museístico de Samil.

Concertos
A programación municipal para A Noite Branca se completa cunha decena de concertos en espazos expositivos. Nicolás Pastoriza tocará na Casa das Artes ás 20 horas, Iago Boente e María Jorge actuarán no Liste á mesma hora, Tincho Fernán estará no Museo do Mar ás 21 horas, a Orquestra Vigo 430 ocupará o xardín histórico do Pazo de Castrelos ás 21:30 horas e Arturo Álvarez, na Pinacoteca, ás 22 horas.

Ademais, o xacemento arqueolóxico do Castro recibirá a Su Garrido ás 22 horas, Cinta Adhesiva tocará no Verbum ás 23 horas e Antifrágil visitará o Marco á mesma hora. Wöyza con baile urbano tomarán o relevo en Príncipe á unha da mañá e Isuara, xunto a un dúo de baile, estarán na Casa Galega da Cultura – Praza da Princesa desde a medianoite.
Descargar todas as imaxes