Escoitar

O Concello lanza a "Tarxeta Vigo" para o transporte e o pago de servizos municipais

O alcalde, o presidente de Abanca e o director de Vitrasa asinaron este venres un convenio de colaboración para a implantación dunha nova tarxeta que funciona sen contacto e que substituirá ás actuais para o transporte urbano.

venres, 4 ago 2017
1501849337xornalnuestra.jpg
Abel Caballero avanzou que "estamos no máis avanzado e somos a primeira cidade de España en utilizar unha tarxeta destas características", xa que está dotada dunha tecnoloxía de comunicación sen contacto, que non precisa ser inserida nos lectores nin nos caixeiros, basta con aproximala.

O convenio de colaboración asinado esta mañá entre o Concello, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o director de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, supón o desenvolvemento dun proxecto de innovación tecnolóxica para implantar na cidade un sistema de pago e utilización de servizos públicos municipais a través desta nova "Tarxeta Vigo" que, funcionará no transporte público e que, de forma progresiva, irá engadindo as prestacións de acceso, uso e pago dos servizos municipais.

Para o rexedor, supón un paso máis na execución do proxecto "Vigo cidade intelixente" co que o Concello quere fomentar o uso das novas tecnoloxías por parte da cidadanía. Nestes momentos, apuntou, "o 65% das operacións que se realizan co Concello fanse por vía telemática". Ademais, trátase dunha tarxeta interactiva, de dobre dirección, co que poderemos "comunicarnos coa cidadanía". A substitución da tarxeta vella pola nova non terá custo para os usuarios.

O goberno de Vigo enviará unha carta a toda a cidadanía para explicarlles as vantaxes e o funcionamento da tarxeta así como o procedemento de cambio das mesmas. "Farémolo de forma paulatina, será un proceso individualizado e haberá un período de transición entre a vella e a nova tarxeta". O cambio comezará en setembro cos pensionistas, despois o estudantado e, por último, coa tarxeta verde xeral, coa previsión de que poida estar rematado o proceso no mes de decembro.

Outra das vantaxes do novo dispositivo intelixente é o alto grao de seguridade e a multifuncionalidade que permitirá realizar operacións de moedeiro electrónico e pago, control de acceso e identificación persoal e corporativa, cubrindo todas as facetas que precisa o ámbito comercial e institucional.

ABANCA poñerá a disposición do proxecto a súa rede de máis de 50 caixeiros caixeiros na área de Vigo, dotados da tecnoloxía de comunicación sen contacto e, amais, achega 121.000 euros ao desenvolvemento do proxecto. Caballero sinalou que foi un proceso arduo de moitos meses de traballo do Concello con Vitrasa e Abanca, empregando a tecnoloxía máis adiantada, para poder ter a maior exactitude e fiabilidade.
1501849337xornalnuestra.jpg
1501849360tarjeta.jpg
Descargar todas as imaxes