Escoitar

Vigo destina 20.000 euros a colaborar cun proxecto humanitario de Unicef en Siria

A Xunta de Goberno Local aproba a subvención directa á ONG para destinar 20.000 euros a un programa educativo que beneficiará a 5.500 nenos e nenas nas zonas máis danadas pola barbarie.

xoves, 3 ago 2017
O alcalde explicou que o obxectivo do Concello é "garantir o dereito a unha educación axeitada, cun enfoque de equidade, priorizando aos grupos e familias máis vulnerables danadas polo conflito".

Con este fin, apoia con 20.000 euros o proxecto "Acceso a la educación en Siria: Aprender en el medio de la destrucción" co que se distribuirá material de aprendizaxe en zonas devastadas polo conflito, incluíndo as de difícil acceso e sitiadas como Aleppo ou Homs. Así, serán repartidos subministros básicos de educación primaria para 1.200 nenas e nenos, subministros básicos de ocio e recreación para 1.800 nenas e nenos e subministros básicos de educación de primeira infancia, ata os 5 anos.

Caballero apunta que "imos empezar a colaborar coa reconstrución de Siria; este é o noso apoio á cidadanía, neste caso nenos e nenas, danados pola barbarie que houbo e segue habendo no lugar" e que beneficiarán 5.500 nenos e nenas sirios. Con esta acción, sinalou, "empezamos unha acción directa en Siria de apoio humanitario de reconstrución de Siria apoiando aos máis vulnerables e non descarto ampliar cantidades en función do que vaia propoñendo UNICEF".

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao convenio coa Asociación de Amigos da Ruta Marítima do Apóstol Santiago a Galicia para a concesión dunha subvención de 8.000 euros para o desenvolvemento da actividade Ruta Marítima O Cabaleiro das Cunchas 2017, un proxecto de "dinamización turística, retomando e facendo a ruta por mar, que ten tamén interese antropolóxico", tal e como apuntou o rexedor.