Escoitar

O goberno de Vigo aprobou o convenio para expropiar os terreos que permitirán ampliar o Ifevi

O alcalde deu conta esta mañá do acordo coa Comunidade de Montes de Cabral para expropiar os terreos precisos para ampliar o Ifevi. Deste xeito, o Concello axiliza ao máximo os trámites e o alcalde reclama á Xunta maior dilixencia para iniciar as obras canto antes.

xoves, 22 xuñ 2017
O goberno local deu luz verde ao convenio expropiatorio para a obtención por mutuo acordo dos terreos afectados polo proxecto de ampliación das instalacións do Instituto Feiral de Vigo. Tal e como explicou o rexedor, trátase dunha superficie de 1.952 m2 distribuídos en 3 parcelas polas que o Concello aboará 18.446 euros. Caballero asegurou que o Concello axilizou ao máximo os trámites, ata o punto de aprobar este convenio antes de ter recibido a comunicación formal da Xunta da aprobación deste proxecto de ampliación. Neste punto, reclamou ao goberno autonómico que actúe con maior dilixencia.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou adxudicación da redacción do proxecto da obra que transformará a Porta do Sol nunha "na gran praza da cidade". Trátase, lembrou o rexedor, de soterrar o tráfico rodado da Porta do Sol e a transformación peonil da actual rede viaria, unha iniciativa cofinanciada por fondos FEDER da Unión Europea e que ascende no seu conxunto a 6 millóns de euros. A UTE GOC S.A. Capitel Arquitectura Ingeniería e Innovación S.L. será a encargada de redactar o proxecto por un importe de 141.000 euros. O O prazo de execución de obra será de ano e medio, avanzou.

O rexedor deu conta tamén do expediente de contratación do servizo de seguridade e accesibilidade para o baño nas praias de persoas con mobilidade reducida. Cun importe de 43.000 euros, funcionarán dúas cadeiras anfibias no Vao e outras dúas, en Samil. Co obxectivo de favorecer a organización, habilitarase un teléfono para concertar citas e para realizar consultas, aínda que os usuarios tamén poden chegar ao areal directamente e solicitar o servizo en horario de 11,00 a 14,00 h e de 16,00 ás 20,00 h.

Outro dos acordos acadados esta mañá foi a aprobación do proxecto de colaboración coa Fundación Celta de Vigo para o desenvolvemento dun programa de fomento de fútbol base durante a tempada deportiva 2016-2017. Cun orzamento de 295.000 euros, o obxectivo é promover este deporte a través das categorías inferiores do Club, que conta con equipos que participan en competicións de alto nivel deportivo nacional e autonómico.