Escoitar

O Concello apoia con 100.000 euros a contratación de menores de 30 anos

O goberno de Vigo vén de aprobar as bases e a convocatoria do programa municipal de axudas á contratación e mellora do emprego da mocidade viguesa, tal e como informou este xoves Abel Caballero. O Concello incentiva tanto a nova contratación como a transformación de contratos temporais en indefinidos.

xoves, 27 abr 2017
O alcalde de Vigo informou este xoves dalgúns dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local desta mañá, entre os que subliñou a aprobación das bases reguladoras e convocatoria do programa de axudas á contratación e mellora do emprego da mocidade viguesa, dotado con 100.000 euros. Segundo explicou, o goberno vigués incentiva tanto as novas contratacións de menores de 30 anos como a transformación de contratos temporais en indefinidos.

O goberno dirixido por Caballero tamén validou a contratación dos servizos de xestión, organización e desenvolvemento dos desprazamentos escolares do "Vigo Educa", o programa educativo municipal de coñecemento da cidade para alumnado dos centros vigueses. O Concello adica ao efecto 154.000 euros.

Luz verde recibiu igualmente o convenio para a execución do proxecto de intervención de apoio familiar coas usuarias das vivendas das que dispón o Concello para mulleres vítimas de violencia de xénero. Explicou Caballero que o Concello reserva 18.000 euros para impulsalo.

Caballero informou da aprobación das bases e convocatoria de subvencións para concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro que realicen programas e actividades de promoción da igualdade durante o presente ano. A proposta conta con 64.000 euros de orzamento e inclúe por primeira vez, segundo revelou o alcalde, apoio ao deporte como factor de igualdade.

Por último, Abel Caballero deu conta da concesión da nova liña de autobús urbano H3 que unirá Teis e o Hospital Álvaro Cunqueiro desde este martes, 2 de maio, e da aprobación do convenio coa Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) para que leven adiante a súa ludoteca, destinada a nenos/as de entre 4 e 10 anos.