Escoitar

O Concello inviste 360.000 euros en dous parques de skate en Barreiro e Navia

Abel Caballero anunciou a aprobación na Xunta de Goberno Local dos proxectos de construción das dúas pistas que teñen unha "enorme demanda na cidade" e que mellorarán a práctica deportiva nestas instalacións.

venres, 21 abr 2017
Vigo contará con dous parques de skateboard, BMX e Vert Wall tras a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local dos proxectos de construción da pista prevista en Barreiro, que ten un orzamento de 60.000 euros, e a proxectada en Navia, que ten un presuposto de licitación de 300.000 euros.

O alcalde explicou este venres que a construción do parque de skateboard de Barreiro, na parroquia de Lavadores, supoñerá a demolición do actual e a construción a ceo aberto dunha pista con curvas de competición, con base de formigón armado e con varandas para a práctica deste deporte.

No caso da pista de San Paio de Navia, Caballero sinalou que ten "unha enorme demanda" na cidade e que se converterá na "grande pista, no "Marisquiño permanente", sendo unha instalación estable durante todo o ano para a alta competición. Amais salientou a idoneidade da súa situación, nun barrio ben comunicado, con poboación nova, nun entorno afastado das edificacións e que, polo tanto, non ocasionará problemas de contaminación acústica. O proxecto do espazo contempla tamén a súa adecuación con bancos e papeleiras.