Escoitar

Isaura Abelairas e Manel Fernández animan a seguir os Xogos Autonómicos Special Olympics de baloncesto, o sábado nas Travesas

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e a concelleira de Política Social, Isaura Abelairas, que representaba tamén á Deputación, animaron á cidadanía para que se achegue este sábado 22 ao complexo das Travesas, onde se van celebrar os XXI Xogos Autonómicos de baloncesto Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual.

mércores, 19 abr 2017
1492615753olimpics.JPG
A xornada deportiva, promovida pola Asociación San Francisco de Vigo, contará cuns 400 participantes, dos cales 250 son deportistas, e comezará coa inauguración do evento ás 10:45 horas. Varios pavillóns das Travesas e Balaídos serán escenario dos partidos.

Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, afirmou que o campionato, con trofeos para os equipos vencedores pero tamén "medallas para todos porque todos deben levarse unha lembranza do torneo", vai ser un evento "emocionante e brillante", convidando á xente a "participar, ver, observar e poupar a proba".

O responsable político do deporte local sinalou a súa satisfacción "por poder contribuir á realización da actividade. É este evento, pola súa importancia, un elemento de integración, dinamización, desenvolvemento e creatividade" para os participantes, dixo.

Fernández lembrou que "nos últimos dez anos o Concello púxose a disposición de Special Olympics" para os Xogos de natación, fútbol sala, baloncesto ou mesmo atletismo, nos que "máis de 3.000 deportistas teñen celebrado as actividades nas instalacións municipais". O baloncesto volta ás Travesas tres anos despois.

Pola súa banda, Isaura Abelairas, deputada provincial e concelleira de Política Social, asegurou que Special Olympics Galicia ten "todo o noso apoio e colaboración dende a Deputación, e do Concello, para que se sintan que son da casa, son da familia, e para amosar que as discapacidades nada máis que están na mente das persoas insolidarias". Abelairas incidiu en que "queremos que se visualicen as diferentes capacidades nun ambiente o máis agradable posible".

Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia e representante da Asociación San Francisco, agradeceu o apoio municipal: "Consideramos ao Concello como alguén da nosa familia porque as portas sempre están abertas para nós co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con dicapacidade intelectual". Lembrou que serán vinte as asociación participantes de toda Galicia: "Veñen de lonxe, de Viveiro, Burela, do Barco… A filosofía é estimular aos participantes a través da actividade física".
María e Óscar, dos deportistas da Asociación San Francisco que competirán o sábado a partires das 12:00 (hora de inicio dos partidos) convidaron a todo o mundo a non perderse a xornada, na que xogarán conforme ao seu nivel.
Descargar todas as imaxes