Escoitar

O alcalde destaca a calidade "excepcional" dos artistas do III Programa de medianeiras

O Concello continúa a tramitación do programa de arte urbano que ten un orzamento de case 500.000 euros e que nesta edición encherá once novos espazos da cidade. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración con Médicos do Mundo cun importe de 50.000 euros.

luns, 10 abr 2017
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ao proxecto de actuacións preparatorias orientadas ao desenvolvemento do terceiro Programa para arrumbar medianeiras e outros elementos verticais con incidencia sobre a vía pública. Trátase dunha serie de accións de carácter económico previas ao inicio do pintado dos espazos obxecto do programa.

Abel Caballero explicou que o terceiro programa de arte urbano de medianeiras conta cun orzamento de case 500.000 euros que, na liña do proxecto iniciado cos dous anteriores, pretende que "a arte na cidade ocupe todo o seu espazo para reformala desde o punto de vista artístico".

Neste 2017 haberá once novos espazos decorados con medianeiras na rúa Beiramar, Avenida de Castelao, Centro Comercial Coia, Muro do Colegio Niño Jesús de Praga, rúa Coruña, Unidade de Traballo Social de Teis, escaleiras entre calle Romil e Camelias e as que comunican Pi e Margall e Torrecedeira, os pavillóns de Bouzas e As Travesas, amais de rematar a actuación realizada no parque de Navia e na Casa do Patín en Bouzas. Sobre os artistas encargados de realizar os murais, o alcalde apuntou que son "excepcionais" e, entre eles, haberá dous internacionais convidados, o graffiteiro Hazul e Mona Car xunto a outros creadores vigueses.

50.000 euros para Médicos do Mundo
O rexedor deu conta da aprobación na Xunta de Goberno Local do convenio de colaboración con Médicos del Mundo, cun importe de 50.000 euros, para o desenvolvemento de accións sociosanitarias destinadas a persoas drogodependentes en situación de exclusión social en Vigo.

Tamén se deu o visto bo ao expediente de contratación do servizo de vixilancia dos centros municipais de distrito, isto é, para as oficinas descentralizadas do Concello.