Escoitar

O VI Trofeo de baile Cidade de Vigo reúne a 1.100 participantes esta fin de semana

O certame Vigo Porté acada nesta nova edición a categoría de internacional coa presenza dunha escola de Portugal e contará con 40 centros de danza de Galicia, León e Madrid. A concelleira de Turismo e Festas presentou o programa este venres xunto á directora do mesmo, Lorena López.

venres, 7 abr 2017
1491569086vigoporte.JPG
O Auditorio Mar de Vigo acolle mañá sábado e o domingo o VI Trofeo de baile Cidade de Vigo, Vigo Porté, que permitirá gozar dun total de 116 coreografías realizadas por máis de 1.100 participantes de corenta centros de danza.

Laura Iglesias, concelleira de Turismo e Festas, destacou o apoio do Concello a este certame e o feito de que acade este ano a categoría de internacional coa presenza dunha escola de baile procedente de Portugal, amais de bailaríns chegados das catro provincias galegas, cunha participación maioritaria de vigueses, e tamén de Galicia, León e Madrid. Amais, Laura Iglesias destacou a conferencia que impartirá Javier Castillo "Poty" baixo o título "O futuro da danza" e a exhibición do domingo pola mañá, con entrada de balde, na que participarán membros do xurado.

Lorena López, directora de Vigo Porté, sinalou que o Trofeo Cidade de Vigo é multidisciplinar xa que acolle estilos de baile que van desde o hip-hop, o clásico, o jazz ou contemporáneo ata a salsa, os musicais, o baile moderno ou bollywood. Tamén adiantou a calidade das coreografías que poderá gozar o público asistente e apuntou que os participantes competirán en tres categorías: infantil, júnior e absoluta (máis de 18 anos).

O xurado estará composto por destacados profesores, coreógrafos e bailaríns de proxección internacional como Kiko López (Director da compañía Nouva´s), Alicia Aroca (bailarina e coreógrafa), Juan Polo (Profesor do Real Conservatorio de Danza de Madrid), Lorena Bargalló (actualmente no musical DirtyDancing), David Campos (referente no mundo coreográfico en España) e Juan Barberá (xerente de Infinitamente Fitness). Todos eles capitaneados por Javier Castillo "Poty".
Descargar todas as imaxes