Escoitar

Balaídos conta con dous ascensores en Tribuna para garantir a accesibilidade universal

O alcalde e o presidente de Cogami revisaron esta mañá en Balaídos os dous ascensores que conseguen que a grada de Tribuna garanta a accesibilidade universal. Tal e como explicou o rexedor, estes dispositivos están dotados coas últimas tecnoloxías en rendemento e aforro de consumos.

venres, 10 mar 2017
1489156511balaidos.jpg
O estadio de Balaídos contará con dous ascensores na grada de Tribuna, cumprindo coa normativa de accesibilidade universal para permitir que todas as persoas poidan utilizar ese espazo. Así o comprobou o rexedor esta mañá nunha visita na que estivo acompañado por Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, pola presidenta da Deputación e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e o concelleiro de Fomento, David Regades.

Tal e como puideron apreciar, o ascensor de acceso a Tribuna Baixa e Tribuna alta conta con tres paradas en 13 metros de percorrido. Ten capacidade para 8 persoas (630 quilos) e cabina de aceiro inoxidable. Respecto do segundo elevador, o que dá acceso ao Palco de autoridades, conta con 4 paradas en 13 metros de percorrido e reúne as mesmas características técnicas. Ningún destes dispositivos ten cuarto de máquinas e empregan a tecnoloxía gearless que ofrece un mellor rendemento co uso de imáns permanentes sen engrenaxes e control de manobra dixital.

Segundo explicou o rexedor, esta tecnoloxía permite un consumo ata un 55% menor que un ascensor eléctrico convencional e un 70% menor que un hidráulico. Ademais, son equipos con rexeneración de enerxía que aproveita a viaxe cargado en baixada ou vacío en subida para rexenerar enerxía. A máquina non consume aceite durante toda a súa vida útil polo que reduce os residuos contaminantes nun 51% respecto dun eléctrico convencional e máis dun 95% respecto dun hidráulico.

Estas novas dotacións forman parte da reforma integral do estadio que está a acometer o Concello, con apoio da Deputación. Concretamente, a bancada de Tribuna supuxo un desembolso de 5,2 millóns, mentres que as obras de Río -xa adxudicadas- ascenderán á 5,5 millóns. Esta reforma permitirá unha mellor visibilidade ás persoas con mobilidade reducida que teñen os seus abonos en Río baixo.
Descargar todas as imaxes