Escoitar

Vigo respectará o convenio do transporte metropolitano nos acordos bilaterais cos concellos da Área

Abel Caballero reiterou esta mañá a existencia de contactos cos seus homólogos da Área Metropolitana para avanzar na concreción de acordos bilaterais sobre transporte metropolitano. Tal e como anunciou, o Concello manterá o seu compromiso de subvencionar o billete do autobús urbano cando os cidadáns entren ou saian de Vigo nun transporte interurbano, respectando o acordo sobre o transporte metropolitano que a Xunta "rebentou".

xoves, 9 mar 2017
O alcalde avanzou esta mañá o inicio inmediato de contactos entre os concellos que formaban a Xunta de Goberno da Área Metropolitana para establecer acordos bilaterais sobre transporte. As condicións serán as mesmas que recollía o convenio que a Xunta se negou a poñer en marcha, dixo, é dicir, que Concello de Vigo achegará 0,46 euros nos autobuses de entrada e saída á cidade a todos os veciños que cheguen en transporte interurbano desde as súas localidades. Deste xeito, destacou o rexedor, Vigo cumpre cos seus compromisos, mentres que a Xunta -á que acusou de "rebentar" a Área e o transporte metropolitano- non aporta a contía que lle corresponde. Respecto da adaptación técnica, o rexedor aludiu á próxima entrada en vigor da nova tarxeta do Concello que facilitará a posta en marcha do acordo.