Escoitar

O alcalde levará ao Pleno a demanda da chegada do AVE a Vigo

Abel Caballero reuniuse este martes con representantes dos colexios profesionais de economistas, arquitectos e arquitectos técnicos a quen lles transmitiu a súa "enorme preocupación" porque o Goberno non contempla a chegada do AVE á cidade, o que considera unha "ameaza" porque é un "tema central" para Vigo.

martes, 7 feb 2017
1486488186ave.JPG
O rexedor vigués mantivo un encontro con membros do Colexio Profesional de Economistas, o Colexio de Arquitectos e o de Arquitectos Técnicos a quen lles transmitiu a súa "preocupación" porque nas previsións do Goberno sobre a chegada do AVE a Galicia non figura o AVE a Vigo e "nin sequera manifestaron a vontade política de facelo", nin o Ministro de Fomento nin o presidente da Xunta, matizou.

Para Caballero isto supón unha "ameaza" porque o AVE é un tema central para a cidade que "ten que estar nas redes de alta velocidade de Europa" ao ser "a cidade máis industrial e importante do oeste de España" e reunir "todos os condicionantes para que se faga" en temos de volume de viaxes e pasaxeiros. Así, anunciou que amais de convocar ao Consello Social do Concello levará esta demanda ao Pleno da Corporación para que se pronuncie ao respecto.

Tal e como expuxo, a proposta para Galicia é que a estación central do AVE estea en Santiago, de maneira que a cidadanía de Vigo tería que ir ata alí para despois seguir viaxe a Madrid, algo que "non sucede en ningunha liña de alta velocidade do mundo; ir cen quilómetros para atrás para despois ir cen quilómetros para adiante". Isto traduciríase tamén en que o tramo entre Vigo e Ourense se siga facendo no mesmo tempo pola liña de alta velocidade que se facía pola liña tradicional de hai 70 anos.

O alcalde explicou que a demanda de Vigo é, en primeiro lugar, que o Ministerio de Fomento remate a declaración de impacto ambiental, "parada nun caixón catro anos e que pode acabar en soamente un mes" e, a partir deste trámite, poderá encargar o proxecto que ten un custo asumible "de entre 50 e 60 millóns de euros" cunha previsión dun ano e medio de prazo "e despois falaremos dos prazos". En segundo lugar, Vigo quere ser a porta de saída de Portugal e de Oporto cara Madrid e Europa a través da saída sur de alta velocidade. Pra iso, é preciso contar cun tren competitivo que comunique Vigo coa capital de España en dúas horas e media, algo que non sería posible coa proposta de viaxar por Santiago porque "que veñan ata Santiago e de Santiago a Madrid, para iso van por Lisboa", apuntou.
Descargar todas as imaxes