Escoitar

O goberno local aproba o proxecto de humanización da terceira fase da Avenida de Galicia

O investimento do Concello neste vial, no treito comprendido entre Doutor Corbal e a Avenida da Mariña Española, totaliza 412.000 euros, explicou Abel Caballero. Ademais, o goberno de Vigo aprobou o convenio coa Asociación Protectora para a recollida e coidado de animais abandonados, por 96.000 euros anuais.

venres, 3 feb 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, entre os que salientou a aprobación do proxecto técnico para a terceira fase da humanización da Avenida de Galicia.

No conxunto das intervencións programadas polo Concello nesta fase -entre Doctor Corbal e a Avenida da Mariña Española-, a administración local inviste 412.000 euros, segundo revelou Caballero. O alcalde recordou que a Avenida de Galicia é un vial de titularidade autonómica e non municipal.

Por outra banda, o goberno de Vigo deu luz verde ao convenio coa Asociación Protectora de Animais para a recollida e coidado de animais soltos e a atención do centro-refuxio. O Concello adica 96.000 euros anuais para a recollida, albergue, custodia e coidado de animais abandonados, ademais de para o coidado das instalacións da Madroa, con especial atención aos aspectos hixiénico-sanitario destas.

A este respecto, Abel Caballero subliñou que estes 96.000 euros ao ano do Concello de Vigo son o único apoio público co que conta actualmente a Asociación Protectora de Animais para o desenvolvemento da súa función.