Escoitar

Manel Fernández di que o Concello aposta pola patinaxe co Galego de grupos show nas Travesas

O concelleiro de Deportes presentou hoxe o Campionato de Galicia de grupos show, que este sábado se celebra en Vigo (17:30 horas) co patrocinio do Concello.

xoves, 2 feb 2017
1486050753manel.jpg
O pavillón Central das Travesas recibe o evento que abre a tempada de patinaxe artística coa presenza de quince clubs das provincias de Pontevedra (nove) e A Coruña (seis). Vigo está representada polo Carpa Viqueira (grupos grandes e pequenos), o Valladares (grandes), Vagalume Celtamotor (pequenos) e o Coruxo (pequenos).

"A aposta do Concello de Vigo pola patinaxe artística é palpable: por terceiro ano consecutivo As Travesas recibe aos mellores grupos show de Galicia", explicou o edil de Deportes, que estivo acompañado no acto de presentación pola presidenta do Carpa, Merce Covelo, e polos patinadores Jorge Riveiro, Erea Abalde e Laura Ruzo; Riveiro e Abalde competirán nas dúas categorías mentres que Ruzo farao en grupos pequenos. 

O Galego de grupos show reunirá no Central a máis de 300 deportistas distribuídos en oito grupos grandes e dez pequenos. Pola mañá, o polideportivo estará tomado polos adestramentos.

"A patinaxe artística é fantástica e Vigo conta cunha gran canteira", subliñou o concelleiro, que lembrou que o Día do Patín, cada 17 de maio, é a meirande manifestación deportiva de base que se dá na cidade nunha soa xornada con dous milleiros de patinadores. Fernández dixo tamén que esta é "unha das modalidades estrela do amplo programa municipal de escolas deportivas".

A decimosexta edición desta competición comezará este sábado ás 17:30 horas cos grupos pequenos e ás 19:00 será a quenda dos grupos grandes. A entrega de trofeos deste evento, a partires das 20:00 horas.

O Carpa Viqueira é o actual campión de Galicia en grupos grandes, que domina desde 2013, e o Club Patinaje Artístico Gondomar o defensor do título en grupos pequenos.

"Vai ser un magnífico ano", concluíu Manel Fernández, que lembrou que a fin de semana do 22 e 23 de abril As Travesas recibirá o Torneo Internacional Concello de Vigo de grupos show.
Descargar todas as imaxes