Escoitar

Unha exposición recadará fondos para a limpeza da marea negra

mércores, 22 xan 2003
imx2250.jpg
Utensilios
A Casa das Artes acolle, desde hoxe e ata o próximo día 2 de febreiro, unha exposición subhasta coa que se pretenden recadar fondos para continuar coa limpieza da costa galega, afectada pola marea negra do ”Prestige”.

A mostra, promovida por un comité formado por críticos de arte e artistas, está composta por 80 obras doadas por autores entre os que destacan Darío Álvarez Basso, Carlos Crego ou Fernando Casás, segundo indicou a súa coordinadora, Paula Mariño, en rolda de prensa.

A subhasta dos cadros realizarase mediante a poxa dos interesados nun libro disposto ó efecto, de maneira que ó peche da exposición a persoa que ofrecera a maior cantidade farase coa peza elixida.

Os cartos recadados pola venda serán xestionados polo propio comité organizador e pola Asociación de Cofradías de Pescadores da Costa da Morte.

Ademais de realizarse en Vigo, este grupo de artistas decidiu organizar case simultaneamente outras exposicions en Pontevedra, Santiago e A Coruña, ó tempo que en febreiro teñen previsto organizar unha última mostra de estas características en Madrid. Deste xeito, este colectivo non só quere recadar fondos para a limpeza das augas galegas, senón que pretende manifestar a súa disconformidade pola catástrofe do ”Prestige” e conseguir que os damnificados, “despois do primeiro impacto inicial”, non caian no esquecemento.

Durante a inauguración, o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, expresou o seu convencemento de que “a Galicia de despois da catástrofe vai ser mellor” dada a capacidade de “defensa” que demostra a sociedade civil. O edil chamou a atención, así mesmo, sobre o “papel clave” que van desenvolver os artistas no deseño do futuro da comunidade.
Descargar todas as imaxes