Escoitar

O Concello aplicará exencións e bonificacións fiscais superiores aos 7.300.000 euros en 2017

O alcalde informou este martes das reducións de impostos a sectores concretos que recollen os presupostos municipais para o ano 2017 entre as que destacou os máis de 4 millóns de euros do IBI ou o 1.664.000 euros dos impostos sobre vehículos.

martes, 15 nov 2016
A cidadanía viguesa verase beneficiada en 2017 pola aplicación dunha redución de impostos por valor de 7.317.000 euros, segundo recolle o Orzamento municipal para o próximo exercicio.

O rexedor destacou as bonificacións e exencións do IBI, o principal montante, que ascenden a 4.173.000 euros e das que se benefician as vivendas de protección oficial, as familias numerosas, os centros educativos, as vivendas históricas do Casco Vello ou o ensanche e os inmobles recoñecidos como Bens de Interese Cultural.

En segundo lugar, Caballero salientou os impostos sobre vehículos que se verán reducidos de forma "substancial" por un importe de 1.664.000 euros. No caso do Imposto de Actividades Económicas, o Concello contempla bonificacións por valor de 205.000 euros, aplicables no caso dos impostos sobre construcións e obras de especial interese ou por accesibilidades de discapacitados que concretou en 45.000 euros.

Consello Social da cidade
O alcalde referiuse tamén á reunión do Consello Social da cidade que reuniu a sindicatos, empresarios, asociacións cidadáns e aos partidos da oposición e que resultou "satisfactoria" porque souberon "apreciar a virtude e bonanza dos orzamentos valorando a solvencia e rigorosidade financeiras do Concello", o que dixo, "nos estimula a continuar nesta liña de acción".

Para o rexedor, os de 2017 son "os mellores presupostos da historia da cidade de Vigo" con máis contido social, de creación de emprego e máis atención a sectores como o deporte e as humanizacións. Reiterou ademais a importancia de que Vigo sexa unha das primeiras cidades en contar co seu presuposto aprobado, "sinal de estabilidade política e de progreso acelerado" de Vigo, mentres outras urbes "non son quen de facer acordos".