Escoitar

Varios colectivos moteiros distinguen a Vigo como cidade máis amiga e segura para motos

Stopguardarraíles, a Asociación Mutua Motera e o Motoclub Galicia son os colectivos que hoxe recoñecen a Vigo como a cidade máis amiga e segura para as motos. Abel Caballero presidiu o acto de entrega que se celebrou esta tarde na Casa Galega da Cultura.

luns, 14 nov 2016
1479145303moteros.JPG
O alcalde recibiu esta tarde de luns un recoñecemento de tres asociacións moteiras que distinguen a Vigo como a cidade máis amiga e segura das motos de toda España. Durante o acto, Caballero enfatizou que Vigo se está a "transformar" para dar facilidades aos vehículos de dúas rodas, facendo especial fincapé na seguridade. Tanto é así que o índice de accidentabilidade descendeu porque "ao haber máis motos circulando, o tráfico é máis respectuoso con elas o que redunda en maior fluidez xa que unha moto nas rúas significa un coche menos circulando".

Respecto das medidas que adoptou o Concello nos últimos anos en favor dos vehículos de dúas rodas, o rexedor aludiu en primeiro lugar ás bonificacións fiscais do imposto de vehículos de tracción mecánica xa que os de menos de 125cc teñen un desconto do 90% -o máximo permitido por lei-. Na ordenanza fiscal do ano pasado aprobouse unha diminución dun 10% para as motos do resto de cilindradas e o ano 2017 se aplicará outra rebaixa similar polo que nos dous últimos exercicios a fiscalidade das motos viuse reducida nun 20%. Ademais, lembrou que a intención do goberno local é que esta rebaixe sexa do 50% ao remate da actual lexislatura.

Outras das medidas implementadas polo Concello foron: a autorización para circular polo carril bus; habilitar carrís propios; zonas adiantadas en semáforos; ampliación das zonas de aparcamento -con tolerancia nas zonas nas que non se producen molestias-; a xeneralización do pintado de calzadas con material antideslizante, incluíndo as reixas de ventilación de túneles ou aparcamentos ou cambios nos gardarraís, seguindo as recomendacións das asociacións de motos.
Descargar todas as imaxes