Escoitar

O alcalde propoñerá a Zona Franca a recuperación da Panificadora nun pleno que convocará a finais de agosto

Caballero anunciou que levará a un Pleno monográfico da Zona Franca unha proposta para recuperar totalmente a Panificadora, "unha peza emblemática na cidade", con espazos para uso social, cultural e empresarial, considerando que "é posible e que este é o momento" para abordar o proxecto a través da cooperación entre o Concello e Zona Franca.

mércores, 17 ago 2016
O rexedor anunciou este mércores que propoñerá unha "acción histórica á Zona Franca" para a recuperación da Panificadora a través da cooperación co Concello, ao seren dúas institucións coa "capacidade normativa e económica para facelo". Así, levará o proxecto a un pleno monográfico que convocará a finais deste mes de agosto ou comezos do mes de setembro para que sexa sometido á súa consideración e votación.

Logo de relatar que o goberno local leva tempo estudando e reflexionado unha proposta nun diálogo permanente cos propietarios, considera Caballero que "é posible e este é o momento" de acometer a recuperación da Panificadora malia a dificultade que supón a "edificabilidade concedida aos propietarios por algún goberno anterior ao meu", o que implica que "agora hai que pagar a expropiación", de non ser posible a negociación cos propietarios.

Cre o alcalde vigués que para a Zona Franca o proxecto é "asumible" porque ten un "elevado nivel de recursos" que poden ser empregados e "instaremos a que os empregue en parte no centro da cidade", na recuperación da Panificadora e da actividade económica coa posta en marcha de centros de encontros empresarial, de formación empresarial ou espazos de investigación, de maneira que teña "retornos para Zona Franca", engadindo que a maior parte do investimento correspondería a esta entidade que "debe facer unha grande acción na cidade porque leva moitos anos descoidando a atención a Vigo e "acabouse ese tempo".

Así, Caballero sinalou que a proposta debe acometerse desde a cooperación público-privada, que ten posibilitado a posta en marcha neste tipo de espazos de actividades públicas de grande envergadura, de carácter cultural e social, como é o caso das bibliotecas e ámbitos de lectura, os espazos de desenvolvemento social e de movementos cidadás. Esta colaboración permite tamén xerar actividade no ámbito privado que demanda espazo para oficinas, centros de promoción, coworking, laboratorios empresariais ou o desenvolvemento de pequenas zonas residenciais. Apuntou tamén que "existen pancas urbanísticas para ser empregadas e que desenvolverá o Concello" para posibilitar o desenvolvemento do proxecto.