Escoitar

O Concello retira a mostra "Vigo Sonríe" tras sufrir "danos severos" nos últimos días

Abel Caballero comunicou este mércores a decisión municipal sobre a exposición emprazada na rúa do Príncipe, cuxas imaxes foron vítimas dun acto vandálico. A mostra, que tiña previsto concluír a finais de mes, tivo "moito éxito" e foi "moi ben valorada", explicou o alcalde, quen enmarcou este dano nun acto "illado".

mércores, 17 ago 2016
O goberno de Vigo vén de decidir a retirada definitiva da exposición "Vigo Sonríe", localizada na rúa do Príncipe, polos "danos severos" derivados dos actos vandálicos acontecidos na última fin de semana.

Así o anunciou Abel Caballero este mércores en rolda de prensa, quen explicou que as imaxes desta mostra xa foran danadas aos poucos días da súa apertura, daquela con consecuencias menores, e foron arranxadas. Neste caso, os danos foron máis elevados e o tempo requirido para a súa reparación xa superaría, explicou o alcalde, o prazo restante da mostra, que tiña previsto finalizar a finais deste mes, polo que se opta pola súa retirada.

O alcalde enmarcou este acontecemento nun "acto singular" de vandalismo, un "dano illado" nun núcleo urbano metropolitano de preto de medio millón de habitantes. Caballero apuntou que "Vigo Sonríe" tivo "moito éxito" e foi "moi ben valorada" pola xente, unha instalación que recollía retratos de cidadáns sorrindo en 96 paneis e que pretendía ser unha exposición "de proximidade", entendendo a arte "desde a interacción e o diálogo".