Escoitar

O Concello e a Deputación asinan un convenio para o asfaltado de vías municipais cun investimento de máis de 900.000 euros

O alcalde salientou o investimento do ente provincial na cidade como o "resultado dun cambio histórico" ao dar conta da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da solicitude de ampliación dos novos graos da UNED na cidade e da contratación das obras de acondicionamento dos espazos do Auditorio Mar de Vigo para este fin. Amais recibiu o visto bo a contratación de obras de humanización por valor de case catro millóns de euros.

venres, 5 ago 2016
1470401899rueda.JPG
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o asfaltado de varias vías municipais en diferentes zonas da cidade por un importe de 902.000 euros. En virtude deste acordo, vaise substituír o firme en Sárdoma, Castrelos, Candeán, Teis, Alcabre, Coruxo, Matamá, Zamáns, Bembrive, Bouzas, O Castro (Marqués de Alcedo) e Praza América.

O rexedor destacou as actuacións da Deputación na cidade como un "resultado das eleccións municipais que supón un cambio histórico da máxima importancia" e recoñeceu o labor da presidenta, Carmela Silva, engadindo que o ente provincial tamén dedicará 3 millóns de euros ás obras da grada de Tribuna de Balaídos e outros 3 para a grada de Río e investirá na iluminación do estadio.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude de ampliación dos novos graos da UNED para poder ser impartidos o próximo curso e deulle o visto bo ao gasto de 125.000 euros de apoio á UNED desde o Concello porque "queremos que estea en Vigo con toda a súa dimensión" xa que "é a primeira vez da historia da cidade" que isto ocorre sendo un "un tema da maior importancia". Así, Abel Caballero amosouse confiado en que o traslado da UNED ao Auditorio Mar de Vigo se produza "ao longo do próximo curso", tras o visto da Xunta de Goberno Local á contratación das obras de acondicionamento de dúas plantas do edificio que terán unha duración aproximada de dous meses.

Ademais, o goberno local aprobou os expedientes de contratación das obras de humanización das rúas Estorniño, cun importe de 1.150.000 euros; Vía Norte, cun presuposto de 1.349.681 euros e Álvaro Cunqueiro, que ten un orzamento de 1.250.000 euros, polo que segundo o rexedor, o programa de humanizacións da cidade suma un investimento total de 3.749.000 euros.

Por último, quedou aprobada a adxudicación por procedemento aberto do expediente de contratación do servizo de Xestión Recadatoria municipal a Abanca e o convenio de colaboración coa Asociación Veciñal Cultural e Deportiva "Monte da Mina" de Castrelos para apoiar as súas actividades por un importe de 9.000 euros.
Descargar todas as imaxes