Escoitar

Caballero pide explicacións a Montoro sobre a ameaza de peche de empresas municipais

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias esíxelle ao Ministerio de Facenda unha moratoria na aplicación da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local (LRSAL).

xoves, 4 ago 2016
O presidente da FEMP, Abel Caballero, pediu explicacións ao Ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, sobre as cartas que este Ministerio está enviando a numerosos concellos, instándoos ao peche de empresas de titularidade municipal que están en situación de desequilibrio financeiro, segundo a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local (LRSAL).

O alcalde de Vigo, en declaracións aos medios de comunicación, cualificou estas cartas de "temerarias" e de "imprudentes" e pediulle a Montoro que dea explicacións inmediatas sobre o que pretende, por tratarse de sociedades que prestan servizos públicos como depuración de auga, tratamento de residuos ou transporte urbano.

Abel Caballero manifestou que hai moitos rexedores e rexedoras que están moi preocupados porque "ven vir o peche de servizos públicos fundamentais" e que por isto, dende a FEMP tamén lle pide por escrito explicacións sobre as medidas que quere aplicar nestes municipios aos que lles chegou o requirimento de Facenda.

O Presidente de la FEMP sinalou ao respecto, que se a ameaza implica o peche destes servizos, "que nos diga quen os vai prestar".

Tamén esixiu ao Ministro Montoro que reflexione e empece a considerar unha moratoria da aplicación da LRSAL que, ademais nestes aspectos, está recorrida no Tribunal Constitucional e pendente de resolución.

Abel Caballero engadiu que a esixencia do Ministerio é inxusta por canto a Local é a Administración que mellor está cumprindo con todas as esixencias financeiras de Europa, "por non dicir a única que supera todos os obxectivos". "Non soamente non temos déficit, senón un superávit de 5.000 millóns", afirmou.