Escoitar

O Concello sortea o venres os postos nos mercadiños de Bouzas e Coia

Abel Caballero explicou este mércores que o da Bouza, en Coia, abrirá o mércores 10 de agosto, mentres que o de Bouzas o fará o domingo seguinte, 14 de agosto. Os espazos sortearanse o venres entre os 75 solicitantes que cumpren os requistos para Coia e os 80 para Bouzas; os restantes, en lista de agarda ata que acrediten o seu cumprimento.

mércores, 27 xul 2016
O alcalde de Vigo ampliou este mércores a información do proceso de reapertura dos mercadiños de Bouzas e Coia, e explicou que mañá se fai pública a listaxe definitiva de admitidos e o venres terá lugar o sorteo dos espazos entre estes.

No tocante ao de A Bouza, en Coia, Abel Caballero explicou que son 120 os postos dispoñibles neste mercadiño e 220 as solicitudes presentadas, das que actualmente "so 75 cumpren os requisitos" estipulados e participarán no sorteo. O resto quedan en lista de agarda e irán cubríndose os postos dispoñibles segundo vaian cumprindo coa normativa.

En Bouzas, para os 241 postos dispoñibles, o Concello rexistrou 228 solicitudes, das que 80 cumpren con todos os requisitos e irán ao sorteo. As restantes quedan pendentes de cumprir cos requerimentos esixidos para ir cubrindo paulatinamente os postos baleiros. "En Bouzas houbo menos solicitudes que prazas dispoñibles", subliñou Caballero.

O alcalde avanzou que o mercadiño de A Bouza volverá a funcionar o 10 de agosto e o de Bouzas, o domingo seguinte, 14 de agosto. Maña xoves publicaranse as listas definitivas no tablón de anuncios e na web do Concello e o venres, 29 de xullo, procederase co sorteo público dos postos entre os admitidos, ás 11 horas no edificio municipal de Areal.

"Seguridade, garantía, legalidade e control dun proceso, os mercadiños, que teñen un gran arraigo en Vigo e na zona, que xa, de forma definitiva, está establecido", revelou hoxe o alcalde.