Escoitar

O rexedor anuncia a reapertura "inminente" dos mercadiños de Bouzas e A Bouza

Abel Caballero supeditou este luns a data definitiva de apertura -que anunciará mañá martes- a unha reunión cos responsables policiais e da área de comercio do Concello de Vigo, mais avanzou que "a miña intención" é comezar co de Bouzas este mesmo domingo.

luns, 13 xuñ 2016
O alcalde de Vigo anunciou este luns que ten tomada a decisión de reabrir de forma "inminente" os mercadiños de Vigo que foron suspendidos -os de A Bouza, en Coia, e Bouzas- tras terse producido incidentes de carácter violento hai algúns meses.

O alcalde vigués explicou que tanto a Policía como o fiscal xefe provincial valoran a situación como "controlada" polo que "creemos que é o momento de recuperar esta actividade". Caballero avanzou que informará publicamente mañá martes da data elixida para retomar os mercadiños, unha vez se celebre a reunión convocada cos responsables policiais e da área de Comercio do Concello de Vigo.

"A miña intención é abrir o domingo Bouzas", concluíu o rexedor vigués: "non descarto que sexa o próximo domingo, tampouco o afirmo, pero non descarto que o próximo domingo iniciemos o mercadiño en Bouzas, porque hai unha gran demanda social".