Escoitar

Duplícase o orzamento previsto para o programa de integración Intes

martes, 28 xan 2003
O programa de integración Intes duplica o seu orzamento previsto para o 2003 debido aos óptimos resultados conseguidos na pasada edición. Froito deste programa beneficiáronse 244 persoas durante o ano pasado e 178 encontraron emprego.

O proxecto Intes nace do convenio de cooperación entre a Concellería de Benestar Social e a Consellería de Sanidade para a implantación dun dispositivo de integración destinado a persoas desfavorecidas residentes en Vigo, dentro do Plan Galego de Inclusión Social.

Este ano, a Xunta de Galicia investirá 114.000 euros e o Concello de Vigo 12.549 euros. ”Vigo é o único concello galego que incorpora presuposto ao previsto polo Goberno autonómico para reforzar este plan porque nos parece insuficiente”, afirmou a concelleira de Benestar Social, Belén Sío.

Os beneficiarios do programa están en situación de desemprego, perciben unha prestación económica da Risga e teñen problemas de inserción social. O plan está deseñado para que ex-toxicómanos, ex-reclusos, inmigrantes, ludópatas ou prostitutas cun perfil de desestructuración familiar e participantes en actividades de economía somerxida poidan conseguir a formación e cualificación que necesiten ou atopar un posto de traballo.

O pasado ano houbo 244 beneficiarios, froito dun seguimento a 1.968 persoas, das que o 60% eran mulleres. En total, conseguiron insertarse laboralmente 126 mulleres e 52 homes.