Escoitar

O Goberno municipal rexeita o Plan de impulso de Galicia anunciado polo Consello de ministros

luns, 27 xan 2003
O Goberno municipal aprobou unha moción destinada a rexeitar o Plan para o impulso de Galicia anunciado polo Goberno central, pola falta de concreción nos prazos de execución e nos contidos dos proxectos que inclúe, pola ausencia de consignación presupostaria para realizalo, porque non recolle o conxunto de medidas necesarias para garantir o despegue económico de Galicia, por non estar consensuado coas forzas políticas e sociais do noso país e por excluír das axudas moitas comarcas afectadas pola marea negra.

Ademais, reitéraselle a solicitude ao Goberno central de que atenda as peticións recollidas no documento aprobado polo Consello Económico e Social de Vigo e polo pleno desta corporación municipal e instalo a que contemple esas medidas dentro dun plan máis ambicioso e comprometido que sirva de verdade ao propósito de relanzar a economía de Galicia despois da catástrofe ocasionada pola marea negra.

A incesante marea negra provocada polo accidente do barco ”Prestige” e a súa incomprensible deriva fronte á costa galega é un episodio que está a ter e seguirá tendo no futuro próximo unhas consecuencias desastrosas para o noso país. Son evidentes os danos causados no ecosistema mariño de Galicia, patentes as perdas ocasionadas aos sectores dependentes directa ou indirectamente do mar, comprensible o golpe moral sufrido por toda a sociedade galega e aínda difícil de cuantificar a negativa repercusión que esta catástrofe terá, con certeza, na economía do conxunto do país.

Ante esta dramática situación, Galicia enteira agardaba unha reacción do Goberno central en forma dun plan de actuación que contribuise a paliar os efectos da catástrofe. Xa que a resposta do Goberno á marea negra foi tardía e descoordenada, alo menos se lle podía esixir que aplicara un conxunto de medidas efectivas e consensuadas coas forzas políticas, económicas e sociais de Galicia que permitisen suavizar as repercusións negativas do desastre e que sentaran as bases dun relanzamento económico da nosa comunidade. Esa era a expectativa que levou ao Consello Económico e Social de Vigo a aprobar unha proposta na que se recollían as medidas, que ao xuizo dos vigueses, poden facilitar o proceso de desenvolvemento da nosa cidade e de toda a área sur de Galicia.

Finalmente as expectativas víronse frustradas polo plan presentado tralo Consello de Ministros do pasado venres. Os anuncios realizados polo presidente do Goberno constitúan un mero relatorio de promesas que carecen de prazos de execución e de dotación presupostaria e que semellan destinadas máis a atemperar conflictos internos do partido no goberno que a atender de forma rigorosa as necesidades do conxunto do país. A estas alturas, o Plan descrito polo goberno, fóra dalgunhas axudas financieiras e de carácter tributario para o sector pesqueiro, é tan impreciso que nin sequera concreta en que consistirán as accións de rexeneración do noso litoral.

Outro aspecto rechamante do devandito plan é que parece ignorar cales son as necesidades perentorias do sur de Galicia, recoñecidas como tales polo conxunto dos axentes sociais. Así, non figuran no documento referencias, por exemplo, á reforma da autovía Vigo-O Porriño, á construcción do Porto Seco de Salvaterra, á eliminación da peaxe na ponte de rande ou á construcción do enlace ferroviario de Alta Velocidade con Portugal e a saída sur de Vigo. Incluso se exclúe a zona con máis potencial turístico de Galicia, as rías de Vigo e Pontevedra, do Plan de excelencia turística que se pretende impulsar.

Guerra conta Iraq

Aprobouse tamén, cos votos en contra do PP, unha moción para que a Corporación se dirixa ao Goberno central e mais a tódolos grupos políticos con representación no Parlamento español, para pedirlles que non nos sumemos ás intencións belicosas de USA contra Iraq.

Ante o anuncio de que estamos ás portas dunha nova guerra, que pretenden desencadear unilateralmente o señor presidente de USA e o seu goberno contra o pobo do Iraq, porque as súas consecuencias irían alén do señor Saddam Husein e do seu goberno.

O pobo de Iraq está a sufrir en forma de enfermidades e fame, xa dende hai anos, as consecuencias do embargo económico decretado na súa contra polas nacións máis poderosas do mundo.

En efecto, a pretendida intencionalidade de castigar a un réxime político dictatorial, e por iso impresentable, na práctica soamente lle afecta ao pobo iraquí, namentres o seu goberno segue tan tranquilo. Un goberno que non foi derribado a mantenta na anterior guerra do golfo porque así lle conviña a USA. Somos moitos os que vemos detrás dos motivos que se aducen un interese tan bastardo como o de facerse co control do petróleo do Iraq.

Outra cousa sería, unicamente cun acordo de certo quórum dos membros da ONU, se todos os que teñen armas de destrucción masiva estivesen nun programa real de desarme. Entón podería comprenderse o emprego da forza para impedir que algún ou algúns países truncasen esa traxectoria mundial. E tamén cando fose indispensable para impedir ou rematar con calquera dictadura no mundo...

O uso da forza de todos pra procurar desarme e democracia en todo o mundo... Entón si estariamos nun decidido camiño de civilización. Porque se así estivese previsto de xeito regulamentario, ninguén emprendería o camiño da construcción de armamentos prohibidos, nin a pretensión de actuar dictatorialmente en ningún país baixo ningunha desculpa. E non habería guerras...