Escoitar

Unha normativa de xardinería regulará as obras de creación de zonas verdes na cidade

martes, 28 xan 2003
imx2271.jpg
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns elaborou un regulamento das obras de xardinería para incluír nas normas subsidiarias do Pxom as características que deben cumprir as actuacións nas futuras zonas verdes da cidade.

Vigo dispón de 6,08 m2 de espacio verde por habitante nas zonas urbanas e sumando a superficie ocupada polos parques forestais ten 8,57 m2 por persoa, unha media superior á das cidades europeas que se establece en 5 m2 por habitante.

O concelleiro Henrique Vieitez explicou que esta normativa reguladora pretende rematar cos lugares de cascallo que logo eran rexenerados con cuberta vexetal para a plantación de arbustos e árbores na creación de novas urbanizacións. A necesidade de dispor de zonas de lecer óptimas desde o punto de vista ambiental, cunha conservación de elementos orográficos característicos do lugar en función dos usos do solo (arborado, céspede, parque infantil ou camiños) son algúns dos aspectos contemplados nesta normativa.

Establécense medidas concretas de rego, xa que só entre o 30 e 35% da superficie verde da cidade dispón de sistemas de regadío que evitan un malgasto de auga e alto coste de man de obra. O mobiliario ha de ser de elementos consistentes e materiais nobres de longa duración e baixo custo de mantemento. Recoméndase tamén a plantación de especies arbóreas autóctonas aclimatadas.

NORMATIVA XERAL REGULADORA DAS OBRAS DE XARDINERÍA

CAPITULO 1. PRINCIPIOS XERAIS

A normativa xeral reguladora das obras de xardinería ten como obxecto regular e disciplinar as obras de xardinería que, como consecuencia da execución do planeamento, deban realizarse, por iniciativa pública ou privada, no termo municipal de Vigo, para a súa posterior cesión ó Concello.

Os promotores de proxectos de urbanización que executen o planeamento deben incluír neles un proxecto de xardinería asinado por un técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente. Neste describiranse, deseñaranse e valoraranse polo miúdo todas as obras, instalacións e plantacións que integren as zonas verdes ou axardinadas e a vexetación preexistente.
Antes da realización do proxecto, consultaranse coas oficinas técnicas do Concello os posibles condicionantes específicos para o axardinamento de cada zona.

O proxecto contará cos seguintes documentos:

1. Memoria
Aquí describiranse o obxecto do proxecto con indicación clara da zona para axardinar: situación actual, con indicación das características do solo, vexetación, orientación, etc.: xustificación do criterio de axardinamento: descrición do tipo de axardinamento proposto: movementos de terra: unha descrición completa do sistema de rega que se vai a utilizar así como das características dos elementos e automatismos que o compoñan: obras de albanelería e o mobiliario.

2. Planos
Incluiranse os seguintes planos: Situación, topográfico, perfís, distribución, vexetación existente, plantación, rega, mobiliario, albanelería e saneamento.

3. Prego de condicións
No proxecto deberá incluírse o prego de condicións particulares.

4. Presuposto
Incluirase orzamento detallado por unidades de obra e presuposto total.

Cando comecen as obras o contratista o porá en coñecemento do Concello.

O Concello, a súa vez, nomeará un técnico inspector da obra, que vixiará a marcha dos traballos, e poderá en todo momento esixir as análises ou comprobacións pertinentes tanto dos materiais como dos elementos vexetais e terras utilizadas no axardinamento.

O director de obra, o representante do contratista e o inspector de obra, antes do inicio dos traballos, procederán a comprobar na realidade a veracidade dos datos e medicións, reflectidas nos documentos contractuais. Unha vez finalizado o recoñecemento do terreo elevarase acta del, na que se farán constar todas as incidencias habidas.

CAPITULO 2. NORMAS SOBRE TERRAS E MODIFICACIÓN DE SOLOS

As zonas previstas para o axardinamento dentro da urbanización deberán ser protexidas dos labores de construcción dos edificios, quedando prohibido o vertido ou almacenamento sobre elas de calquera tipo de materiais, lixo ou entullos.

Antes de proceder á plantación de elementos vexetais hai unha serie de normas que hai que cumprir con respecto ó tratamento do solo. Dependendo das características do solo e o uso que se lle vai a dar, e dicir, solos destinados a plantacións e sementeiras: destinados a camiños, paseos, etc: a campos de xogo ou suxeitas a erosión, determinarase as modificacións necesarias do terreo.

Tódolos proxectos de xardinería contarán coa análise do solo onde se instalarán as plantacións.
A vista da análise faranse e presentaranse os cálculos das necesidades de fertilizantes e emendas para corrixir carencias e deficiencias texturais ou estructurais, e acadar os niveis óptimos de nutrientes no solo.

Antes de proceder a preparación do terreo a través do desfondamento (eliminación da compactibilidade do solo sen voltealo), laboreo (mulición do solo) e a incorporación de emendas e fertilizantes, hai que ter en conta unha serie de consideracións para levar a cabo as labores de demolición, rozas, escavacións, extracción e amoreamento de terra vexetal, facer terrapléns e recheos, estendido de terra vexetal e operacións de refinamento.

CAPITULO 3. NORMAS SOBRE ELEMENTOS VEXETAIS

Procurarase a utilización de especies arbóreas autóctonas que na maioría dos casos se adaptan perfectamente ós condicionantes que definen o criterio do axardinamento.

Evitaranse as especies espiñosas ou de follas punzantes nas zonas de tránsito e nas zonas de xogos infantís.

Incluirase unha relación dos elementos vexetais que se van a introducir no xardín indicando a altura, calibre, tamaño do testo ou contedor, composición e características das sementes, etc.

Os elementos vexetais en xeral, deberán cumprir as seguintes condicións:
* As plantas pertencerán ás especies, variedades ou cultivares sinaladas na memoria e planos do proxecto, e reunirán as condicións de idade, tamaño, desenvolvemento, forma de cultivo e de transplante que así mesmo se indiquen.
* As plantas estarán sas e ben formadas: non mostrarán defectos causados por enfermidades, pragas , nin presentarán feridas na cortiza salvo os cortes de poda.
* A altura, anchura da copa, lonxitude das ramas, ramificacións e follas corresponderán á idade do exemplar.

As árbores, arbustos, vivaces, plantas de tempada, bulbos e tubérculos, palmeiras e tepes teñen unhas condicións específicas que hai que ter en conta a hora de adquiri-las.

Tamén tense que ter en conta as condicións de cada un destes vexetais cando se planten, coma por exemplo a época de plantación, apertura e recheo de foxos e gabias e os titores e elementos de soporte, xa que cada un destes elementos vexetais ten unhas características especiais.

A hora de sementar, as sementes utilizadas na construcción de áreas encespedadas non estarán contaminadas por patóxenos nin insectos, estarán limpas de materiais inertes, de sementes de malas herbas e de sementes doutras plantas cultivadas e subministraranse no envase orixinal precintado. Hai que ter en conta a época de sementación mais idónea que e en outono e na primavera. A dosificación da semente a empregar por unidade de superficie axustarase ó indicado no proxecto.

No momento da recepción do material estará presente o inspector de obra designado polo Concello, que constatará que as plantas cumpran os requisitos especificados neste capítulo.

Se unha vez descargadas as plantas na obra non se puidesen plantar o mesmo día, tomaranse as medidas oportunas de protección das mesmas.

CAPÍTULO 4. NORMAS SOBRE CAMIÑOS E ZONAS DE ESTAR

As zonas axardinadas teñen que ser accesibles para persoas con discapacidade para o que se terá en conta o Regulamento da Lei 8/1997 de 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas (Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro).

As superficies que figuren nos planos como horizontais deberán executarse en obra cunha pendente lonxitudinal non inferior ó 1%, para permitir a evacuación de auga de chuvia ou de rego.
Salvo especificación expresa no proxecto, o perfil transversal dos camiños será convexo e trazado de xeito que a pendente se faga maior ó afastarse do eixe lonxitudinal.

CAPÍTULO 5. NORMAS SOBRE REGO

Tódolos proxectos de xardinería contarán cun anexo de rego onde se describa, calcule e xustifique o sistema de rego adoptado. En termos xerais utilizarase a aspersión para as zonas amplas, os difusores para as zonas estreitas e o goteo para os noiros moi pendentes e para xardineiras.
Non poderán ir nunca no mesmo sector de rego emisores de distintas características.
O sistema de rego estará automatizado e os programadores de rego electrónicos irán conectados ó cadro da iluminación pública.

O cabezal de rego coas electroválvulas e válvulas correspondentes, xunto co programador, irán no cadro de distribución construído a tal fin coas dimensións apropiadas para permitir a súa accesibilidade e manexo. Dito cadro situarase por riba do nivel do terreo, de xeito que non corra riscos de encharcamento e disporía de boa ventilación.

Nas superficies axardinadas, incluídas superficies duras, deixarase, alomenos, unha boca de rego, e nas superficies grandes distribuirase unha por cada 1.600 m2 , de xeito que a distancia entre dúas bocas de rego non sexa superior a 40 m.

Ademais, nas proximidades dos parques infantís e zonas deportivas deixarase instalada unha boca de rego.

CAPÍTULO 6. NORMAS SOBRE MOBILIARIO

Estarán construídos cos materiais que se especifiquen no proxecto. Os elementos metálicos estarán debidamente protexidos contra a corrosión.
Esixirase un mobiliario de construcción robusta e o emprego de seccións e perfís adecuados ó peso e esforzo que teñan que soportar.

As papeleiras serán de aceiro inoxidable ou chapa metálica cincada, cunha capacidade de corenta ou sesenta litros.

Os bancos deberán de ser con patas de fundición, con imprimación anticorrosiva e terminadas en pintura oxirón.

Os bebedoiros deberán de ser de aceiro inoxidable ou de pedra e disporán de pulsador.

Instalaranse bebedoiros en tódalas zonas de xogos infantís e deportivas.

Para a súa colocación buscarase a proximidade da canalización da rede de abastecemento de auga e a de evacuación de pluviais.

CAPÍTULO 7. NORMAS SOBRE ZONAS DE XOGOS

Os xogos infantís deberán adaptarse en canto a deseño, distancias de seguridade, etc, ás normativas europeas vixentes.

As zonas dedicadas ós xogos infantís irán recubertas duna capa de area gorda de 30 cm.
Cando a zona de xogo vaia instalada sobre pavimento recubrirase o chan con solo de seguridade.

CAPÍTULO 8. NORMAS SOBRE DRENAXE E RECOLLIDA DE PLUVIAIS

Sempre que sexa de esperar un empozamento nalgún punto da zona axardinada, disporase dun sistema de drenase que evacúe o exceso de auga ata os sumidoiros.

A escavación das gabias para a colocación dos tubos de drenase executarase de acordo coas dimensións indicadas no proxecto ou a que sinale a dirección de obra ata obter unha superficie firme.

Nas áreas destinadas a uso moi frecuente, as gabias situaranse moi próximas: a separación conveniente medra coa permeabilidade do terreo e decrece coa intensidade de uso, puidendo variar entre tres e dez metros.

A recollida da auga de chuvia e as escorrentas superficiais poderán efectuarse mediante foxos a ceo aberto, realizada con pedra, adoquin, formigón ou materiais prefabricados: ou mediante tubos de 20 cm, con reixas, sendo necesario que as reixas teñan un sistema de bisagra que facilite a limpeza ó tempo que evite o seu roubo.

CAPÍTULO 9. ENTREGA DAS OBRAS

Para proceder á entrega provisional das obras, será necesaria a asistencia do promotor, do director da obra e do inspector de obra nomeado polo Concello.
Se as obras se atopan en bo estado e foron executadas de acordo coas condicións establecidas, daranse por percibidas provisionalmente, comezando a correr dende esa data o prazo de garantía que se considerará dun ano. Despois de realizar un minucioso recoñecemento, emitirase o correspondente informe á Xerencia de Urbanismo onde quedará reflectido se a obra se desenvolveu de acordo á normativa, ou no seu caso, ás deficiencias observadas.

Terminado o prazo de garantía verificarase a recepción definitiva da obra, segundo as mesmas condicións que a provisional. Se as obras están ben conservadas e en perfectas condicións, se procederá a emitir o correspondente informe favorable, en caso contrario se observarán as deficiencias que deberán ser corrixidas polo promotor.
Descargar todas as imaxes