Escoitar

O Concello promove o Festival Illas Cíes con cinco concertos en Castrelos e no Mar de Vigo

O alcalde presentou este martes o novo Festival, con actuacións en xullo de trece artistas de prestixio nacional e internacional en cinco citas, como promoción da candidatura do arquipélago vigués a Patrimonio da Humanidade. Vigo recibirá a Steve Vai, Anthrax e Aphonnic, Quilapayún, Toquiño e María Creuza, e A Noite Movida, con Nacho Vega, Jaime Urrutia, Gurruchaga, Carbonell e Coti, entre outros.

martes, 7 xuñ 2016
1465300536festivalcies.JPG
Abel Caballero presentou este martes o novo Festival Illas Cíes, que traerá á cidade durante o mes de xullo a trece recoñecidos artistas en cinco xornadas, no Auditorio Mar de Vigo e no Parque de Castrelos como sedes.

O alcalde explicou que este Festival formará parte das Festas de Vigo de verán e será "unha gran mobilización de música e concertos", un gran evento para apoiar ademais a candidatura das Illas Cíes a ser declaradas Patrimonio da Humanidade. Caballero agradeceu o traballo de todos os organizadores e patrocinadores.

A programación dará comezo o 9 de xullo no Mar de Vigo, coas actuacións de Toquiño e María Creuza, dous iconas da música brasileira que homenaxean a unha lenda como Vinicius de Morais, con quen gravaron "La Fusa", un dos discos máis importantes da historia de bossa nova. Ambos repasarán un repertorio de clásicos, como "Garota de Ipanema", na súa única actuación en Galicia.

O 14 de xullo continuará o Festival no mesmo auditorio da Avenida de Beiramar, co concerto de Quilapayún, banda chilena de música folclórica, parte da chamada "Nova Canción Chilena", celebra na cidade os seus 50 anos de traxectoria.

O Parque de Castrelos acollerá o dobre concerto de Anthrax e Aphonnic, o 19 de xullo. A primeira é unha banda estadounidense de thrash metal, formada en 1981 e considerada como unha das mellores formacións mundiais na escena thrash. Virán a Vigo xunto a Aphonnic, grupo vigués de metalcore que destaca pola súa calidade e a súa nova e firme aposta musical.

Unha das citas máis agardadas do Festival será o 22 de xullo no Parque de Castrelos. A Noite Movida reunirá neste emblemático escenario a Nacho Vega, Jaime Urrutia, Alejo Stivel, Javier Gurruchaga, Nacho Campillo e Pablo Carbonell, que actuarán en solitario e conxuntamente, con versións dos grandes éxitos destes artistas nunha cita que so se realiza en Marbella e en Vigo.

Por último, Steve Vai pechará o Festival Illas Cíes o 25 de xullo, no Auditorio Mar de Vigo. Este gran guitarrista e prestixioso músico americano celebra xunto á súa banda o 25º aniversario do seu aclamado disco "Passion and Warfare". Steve Vai leva trinta anos sobre os escenarios, con máis de quince millóns de discos vendidos e tres premios Grammy.
Descargar todas as imaxes