Escoitar

O Concello dedica medio millón de euros á cuarta fase da humanización da rúa Aragón

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á cuarta fase do proxecto de humanización da rúa Aragón, que incluirá unha nova glorieta no cruce con Bailén. O rexedor avanzou que as obras demoraranse durante 5 meses e elevou o orzamento a preto de 500.000 euros.

mércores, 1 xuñ 2016
O Goberno local aprobou o proxecto de obra para a humanización da cuarta fase da rúa Aragón. Cun orzamento de case medio millón de euros, os traballos estenderanse uns 400 metros e incluirán unha nova glorieta no cruce coa rúa Bailén. Tal e como detallou, durante cinco meses renovarase o pavimento, substituiranse redes de saneamento e abastecemento, realizaranse melloras na iluminación con novos puntos led, modificarase a rede semafórica, instalaranse novas xardineiras, ademais de acometer unha reorganización das prazas de aparcamento.

Caballero avanzou así mesmo a aprobación das bases reguladoras para a concesión de axudas municipais para libros, material escolar e comedor, para o curso 2016-2017. Os destinatarios son alumnos de infantil, primaria e secundaria de centros públicos e concertados e os interesados contarán con 20 días para formalizar as solicitudes logo da publicación das bases no BOP. Concretamente, aprobouse unha partida de 1,2 millóns, dos que preto de 1,1 son para axudas de comedor, unha cantidade á que hai que sumar outros 600.000 euros que se xestionan a través de Foanpas.

Tal e como lembrou o rexedor, o Concello está a outorgar unhas 5.000 bolsas de comedor e reiterou o seu compromiso de que ningún neno ou nena que a precise quedará sen axuda de comedor, porque esa partida económica non ten límite", engadiu. Caballero rematou sinalando unha vez máis que as bolsas de comedor son unha obriga da Xunta que non atende na nosa cidade.