Escoitar

Caballero invita a cidadanía a sumarse á celebración en Vigo do Día de Portugal

Os días 10 e 11 de xuño, o Casco Vello vigués acollerá distintos actos polo Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas en Galicia. As rúas da zona vella encheranse de gastronomía e artesanía do país veciño, de actuacións de grupos folclóricos, fado, música clásica e danza.

mércores, 1 xuñ 2016
1464782281portugal.JPG
Durante a presentación, Abel Caballero amosou a súa "satisfacción" pois, "por primeira vez en moito tempo", se celebra en Vigo o Día de Portugal, os días 10 e 11 de xuño no Casco Vello. O alcalde invitou á cidadanía a achegarse e participar das actividades previstas nesta "gran celebración".

Xunto ao vicecónsul portugués, Manuel Correia, e ao subdirector xeral do Banco Caixa Geral, Gonzalo Nolte, Caballero presentou os actos previstos para estas dúas xornadas. Segundo explicaron, está confirmada a presenza na cidade de quince municipios portugueses, que traerán a Vigo a súa cultura, gastronomía e artesanía.

As rúas do Casco Vello vigués acollerán polo tanto gastronomía e artesanía portuguesa, actuacións de grupos folclóricos, a Tuna Académica, espectáculos de música tradicional e concertos de música clásica e danza.

Como pratos fortes da celebración, o venres 10 de xuño, ás 21:30 horas, actuará a coñecida fadista portuguesa Ana Laíns, na Praza da Pedra. Ao día seguinte, tamén ás 21:30 horas e na Concatedral viguesa, terá lugar unha homenaxe musical ao cineasta Manoel de Oliveira, cun concerto de piano a cargo de Bruno Belthoise e a proxección do seu primeiro filme, "Douro, Faina Fluvial".
Descargar todas as imaxes