Escoitar

O alcalde salienta que Navalia consolida a Vigo como lugar de encontro de estaleiros de todo o mundo

O rexedor participou este mércores na sinatura do contrato entre a Navieira Nabia e o asteleiro Gondán para a construción dun buque de pasaxe que operará na ría de Vigo e que terá as Illas Cíes como ruta central. No acto, destacou a importancia da feira como espazo de negocio neste momento de "recuperación do naval vigués".

mércores, 25 mai 2016
1464177744navalia.jpg
Abel Caballero asistiu esta mañá no marco de Navalia á sinatura do contrato entre a navieira Nabia, propiedade do Grupo Acuña, orixinario da Illa de Ons, e Astilleros Gondán para a construción dun buque de pasaxe que operará con diferentes liñas na contorna da ría de Vigo.

No acto, no que tamén participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o rexedor destacou a importancia da feira para a cidade e como lugar de encontro "consolidado" para estaleiros de todo o mundo e, especialmente, neste momento que definiu como o da "recuperación do naval vigués". Tamén se referiu á oportunidade que supón o evento para facer negocios, poñendo como exemplo o contrato asinado entre a Navieira Nabia e o estaleiro asturiano para a construción dun buque que servirá para o transporte de pasaxeiros pola ría de Vigo e que terá como ruta central as Illas Cíes. Sobre o arquipélago, dixo Caballero, que esperan o interese de "xente de todo o mundo para poder visitalas" e que constitúen a "pedra filosofal" do turismo e de boa parte da industria e da economía de Vigo.
Descargar todas as imaxes