Escoitar

O Concello envía á Xunta o informe favorable para a ampliación de Citroën

Abel Caballero informou este mércores da ratificación por parte do goberno local da urxencia e do excepcional interese público da actuación da factoría na actividade económica e no emprego de Vigo e da área metropolitana, xa que co aumento das liñas de produción poderá optar á construción de novos modelos, como a furgoneta K9.

mércores, 4 mai 2016
O Concello de Vigo vén de ratificar nun informe vinculante a urxencia e o excepcional interese público do proxecto de ampliación de Citroën na actividade económica e no emprego da cidade e da área metropolitana.

Segundo o alcalde, o informe favorable xa foi enviado á Xunta de Galicia para que a factoría poida levar adiante o proxecto de ampliación e modernización do Polígono Industrial co que poderá aumentar as súas liñas de produción e, así, "optar á produción da K9 e doutra furgonetas á que quere optar".

Caballero amosou o seu "apoio total a Citroen" e puxo como exemplo este "visto bo" do Concello co que a fábrica "cumprirá todos os requisitos" para a produción de novos modelos, tal e como precisaba.