Escoitar

Air Nostrum conectará Vigo con Valencia este verán con dúas frecuencias semanais

Segundo anunciou este mércores o alcalde, o Concello chegou a este "acordo mutuo" en virtude das melloras do contrato que está obrigada a facer a compañía. Así, a partir do mes de xullo e ata setembro, o aeroporto de Vigo contará con catro frecuencias semanais a Valencia, un destino que tamén ofrece Volotea. <br />

mércores, 4 mai 2016
O aeroporto de Vigo estará conectado este verán con Valencia nunha ruta adicional operada por Air Nostrum, tal e como explicou este mércores Abel Caballero, quen sinalou que a aeroliña está obrigada a facer algunhas melloras no seu contrato polo que "de mutuo acordo decidimos que vai operar en xullo e agosto" con destino á cidade mediterránea con voos os martes e os sábados. Este destino a maiores na oferta da compañía en Peinador non terá custe algún para o Concello.

A ruta entre Vigo e Valencia tamén será operada entre xuño e setembro por Volotea con saídas os mércores e os domingos. Deste xeito, Peinador contará a partir de xullo con catro frecuencias semanais a Valencia nunha oferta que se manterá ata o mes de setembro. Para o alcalde, o interese de Air Nostrum por ofrecer unha nova conexión revela "o que está pasando coa terminal viguesa".