Escoitar

Caballero cifra en mil os empregos que creará o Concello este ano

Despois de asinar este xoves un convenio que permitirá á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos contratar a catro persoas, o alcalde de Vigo estimou que o Concello xerará este 2016 uns mil postos de traballo co plan de emprego municipal. Abel Caballero recordou ademais que o investimento do seu goberno en igualdade e prevención da violencia de xénero ascende a 1,2 millóns.

xoves, 14 abr 2016
1460639794rede.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, rubricou este xoves un convenio de colaboración coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos para potenciar o acompañamento e apoio ás vítimas, acordo segundo o cal o Concello achega algo máis de 41.000 euros para axudar á contratación de catro profesionais: un licenciado en Dereito, outro en Socioloxía, un diplomado en Traballo Social e un administrativo.

O obxectivo do apoio municipal á Rede é a realización de actividades de fomento, orientación e formación en igualdade, a concienciación social e a mellora da empregabilidade das vítimas, grazas á atención directa e especializada na reincorporación socio-laboral das mulleres.

Este convenio forma parte do Plan Municipal de Emprego para 2016, distintos programas para os que o goberno de Vigo adica neste 2016 case 1,5 millóns de euros, tanto en convenios directos como o asinado este xoves como pola vía da concorrencia competitiva. Caballero estimou en mil os postos de traballo creados en base a este plan.

Recordou asemade o alcalde vigués que o investimento do goberno que dirixe en políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero ascende a 1,2 millóns de euros. Neste total inclúense proxectos de prevención e concienciación cidadá, información, atención e protección das vítimas e a promoción do movemento asociativo das mulleres.
Descargar todas as imaxes