Escoitar

O Concello coopera con Nas ondas, Festival da Música e das Artes do Conservatorio de Vigo

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, participou esta mañá na presentación en rolda de prensa de Nas ondas, Festival da Música e das Artes do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Este certame se desenvolverá entre o 12 de abril e o 10 de xuño nas propias instalacións do centro, no Auditorio Municipal, no MARCO, na Igrexa María Auxiliadora ou na Praza da Pedra, entre outros.

martes, 12 abr 2016
1460551712ondas.jpg
O Concello de Vigo coopera coa posta en marcha de Nas Ondas, un festival organizado polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e que contará con corenta actuacións espalladas entre o 12 de abril e o 10 de xuño. Na rolda de prensa de presentación, o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, eloxiou a organización e a profesionalidade da organización dun certame que terá como espazo principal o Auditorio "Martín Códax" e dependencias do do CSMVigo; pero tamén se trasladará a outros lugares da cidade, como o Auditorio Municipal, o MARCO, a Igrexa de María Auxiliadora, a Praza da Pedra, etc.

O festival comprende un total de 40 eventos, organizados en ciclos especializados: Concertos para Escolares, De Piano III, Explurart, Letras Galegas, Ciclo de Cámara, etc. e outros eventos diversos, todos eles, abertos ao público xeral, e de asistencia libre e gratuíta. Xunto aos actos artísticos: concertos, montaxes escénicos, performances, etc. o festival comprende tamén relatorios, concursos, actos conmemorativos, xornadas de Portas Abertas, etc.
A través do programa de actividades Abrente, que se desenvolve en paralelo aos ciclos do festival, o CSMVigo establece colaboracións con outros centros e institucións, e intenta achegarse tanto a públicos especializados na música (alumando, profesionais, etc.) como á cidadanía en xeral, facilitando no posible a difusión do quefacer diario do CSMVigo.

Igualmente, e indo máis alá da nosa contorna máis inmediata, Nas Ondas, integra a presenza de numerosos docentes internacionais a través do programa Erasmus+. Trátase en definitiva dun programa transversal que trata de dar conta da multiplicidade das accións desenvolvidas desde o CSMVigo a prol dunha acción formativa, pero tamén social e cultural, comprometida coa cidade e máis alá.

A programación xeral de Nas Ondas pode descargarse directamente das páxinas web do propio CSMVigo e do Concello de Vigo, ademais de difundirse a través dun libriño-programación impreso que se poderá atopar en moitos lugares da cidade (centros educativos e culturais, etc.)
Descargar todas as imaxes