Escoitar
“La fiebre del heno”, de Noël Coward: Unha comedia elegante e crítica

O xoves comenza a Mostra de Arte Escénica

martes, 8 mai 2001
imx200.jpg
O ciclo teatral da Concellería de Cultura MOARE arranca coa pretensión de achega-lo gran público ás mellores obras programadas para a tempada, de xeito que pasen polo escenario do Teatro-cine Fraga a maioría dos xéneros de teatro. O comezo corre a cargo dunha obra divertida, actual, crítica e non exenta de realismo, que retrata a sociedade inglesa de comezos de século XX, cun perfil da burguesía existente naquela época: “La fiebre del heno”, de Noël Coward.

A obra represéntase cando se cumpre o centenario do nacemento do autor inglés, en versión española de Jaime Azpilicueta, e está dirixida por Ángel García Moreno. A compañía conta, nos papeis estelares, coa presencia de veteranos da escena española e con novos valores que dan os seus primeiros pasos nas táboas: María Luisa Merlo, Pedro Civera, Cruz Sánchez, Ana Soriano, etcétera.

Coward escribiu esta obra cando só tiña 24 anos de idade e foi considerada como a primeira obra mestra do autor. “La fiebre del heno” trata de criticar, en forma de comedia, unha parte do comportamento da sociedade victoriana, a través dunha serie de faladoiros organizados por unha ex-actriz, que obriga ós seus invitados a realizar unha serie de xogos dialécticos a través dos cales pretende seguir mantendo as súas dotes interpretativas. Pero o argumento da obra vai moito máis alá. En medio dun impoñente e elegante sentido do humor, é unha ácida crítica da sociedade do seu tempo.

O autor, homosexual declarado aínda que sen facer gala diso en público, tivo que sufrir, en máis dunha ocasión, a censura da propia sociedade inglesa á que criticaba. Os seus innovadores xiros ó retratar cada un dos personaxes, así como a posta en dúbida de determinados valores da sociedade á que pertencía, non lle granxearon simpatías en determinados círculos. Tivo que ser nos Estados Unidos, nunha sociedade daquela moito máis permisiva e aberta que a inglesa, onde se lle recoñeceu o seu talento literario. Alí foi onde acadou a sona da que goza aínda na actualidade.

“La fiebre del heno” constituíu o grande éxito da tempada pasada nos escenarios londinienses, o que provocou que fose elixida pola compañía do Teatro Fígaro de Madrid para a actual representación. Ó fronte do reparto atópase a veterana actriz María Luisa Merlo, valenciana, que recolleu innumerables éxitos en teatro, cine e televisión. Cunha forma moi persoal de interpretar, consegue unha grande actuación na obra de Coward, na que o personaxe central lle vén como anel ó dedo.

A obra que abre o ciclo MOARE da Concellería de Cultura é unha peza mestra da moderna forma de entende-la comedia. Unha sátira na que, co paso do tempo, non só se reflicte o que era a sociedade victoriana senón que se pode aplicar ós estereotipos da propia sociedade española actual, ateigada de vaidades, complexos, hipocrisías e falsidades.

Unha peza insuperable dun dos mellores dramaturgos do século XX, para deleite do público vigués.

Día: 10 de maio de 2001.
Lugar: Teatro-cine Fraga.
Hora: 20,30 h.

REPARTO
Sorel: CRUZ SÁNCHEZ
Simón: RAÚL SANZ
Clara: ELVIRA TRAVESI
Judith: MARÍA LUISA MERLO
David: PEDRO CIVERA
Sandy: NACHO NÚÑEZ
Myra: ANA SORIANO
Richard: ANTONIO VIGO
Jackie: ELENA MAURANA

Adaptación: JAIME AZPILICUETA
Dirección: ÁNGEL GARCÍA MORENO.
Descargar todas as imaxes