Escoitar

Intercambio cultural entre mozos de Vigo e de Aranda del Duero

martes, 8 mai 2001
A Concellería de Xuventude organiza unha actividade destinada á mocidade viguesa que se realizará durante o mes de xullo deste ano. Englóbase dentro do programa xuvenil “En torno ó meu entorno” que nace coa intención de achegar os mozos das localidades de Vigo (Pontevedra) e Aranda de Duero (Burgos).

Patrocinada polas respectivas áreas de Xuventude destes dous concellos, a actividade quere ser un orixinal intercambio de ideas, coñecementos culturais, actividades lúdicas e estilos de vida entre dúas cidades semellantes e diferentes á vez.

Poderán participar a título individual xoves censados en Vigo ou Aranda de Duero que, a data de 31 de decembro de 2001, teñan entre 14 e 17 anos e que presenten un traballo orixinal sobre a súa cidade. As bases para participar no concurso de selección de participantes pódense recoller na Casa da Xuventude, na Rúa López Mora nº 31.

Un xurado, designado polos concelleiros de Xuventude das respectivas localidades, seleccionará os 50 mellores traballos presentados (25 por localidade) e 10 máis de suplentes. Os autores dos devanditos traballos participarán, durante unha semana, nun intercambio cultural de modo gratuíto, no que 25 mozos vigueses cos seus monitores visitarán Aranda de Duero e 25 arandinos cos seus monitores visitarán Vigo.

Os traballos das persoas que desexen participar poderán presentarse ata o 1 de xuño de 2001 na Casa da Xuventude. R/López Mora, 31.- 36211 VIGO ou mediante correo electrónico no enderezo xuventude@vigo.org