Escoitar

O alcalde de Vigo participará na manifestación contra a guerra

venres, 14 feb 2003
O alcalde de Vigo anunciou a súa asistencia á manifestación que o sábado 15 de febreiro percorrerá as rúas de Vigo para protestar contra a posible guerra en Irak. Lois Castrillo expresou a súa total oposición a que se realice un ”ataque preventivo” contra o país árabe que, amparado nunha suposta ameaza, causaría milleiros de víctimas. En opinión de Castrillo, o goberno español está arrastrándonos a un conflicto bélico desprezando a opinión da maioría da poboación e facendo ostentación dunha absoluta falta de principios éticos.

Reprodúcese o artículo escrito por Lois Pérez Castrillo sobre a guerra:

“NON Á GUERRA”

“Resoltos a preservar as xeracións futuras da praga da guerra que tantas veces inflixiu sufrimentos indicibles á humanidade...” Con ese plausible propósito principiaba o documento asinado en 1945 por cincuenta estados decididos a “unir as nosas forzas para manter a paz e a seguridade internacionais”. Naquela declaración de principios apoiouse a constitución da Organización de Nacións Unidas. Homes e mulleres de boa vontade en todo o mundo confiaron en que aquel manifesto non se convertese en simple fume esvaecido por intereses máis ou menos lexítimos dos países membros. Aínda hoxe, sabendo que o espírito da ONU foi moitas veces traizoado, conservamos a esperanza e a ilusión de que o respecto aos dereitos humanos impere fronte a dialéctica da guerra e que a cordura se impoña sobre a linguaxe ameazante do poderoso fronte ao feble.

Neste acabado de estrear século XXI soa a sarcasmo que alguén transforme a sede de Nacións Unidas en escenario de discursos belicistas pretendendo erixirse en valedor da seguridade mundial. Semella que episodios como a guerra de Vietnam, o conflicto palestino, os bombardeos de Sudán ou os atentados contra as torres xemelgas non serviron para extraer ningunha ensinanza. Os Estados Unidos amósanse decididos a seguir cometendo os mesmos erros ca no pasado. O tráxico é que esas equivocacións causan milleiros de mortos, éxodos masivos de poboación, pobreza, fame e máis odio.

¿É razoable bombardear un país como “medida preventiva” ante o un perigo incerto? ¿É admisible a morte de milleiros de persoas inocentes para eludir unha máis que improbable agresión? ¿Por qué se recorre á utilización de toda a maquinaria militar norteamericana para desaloxar do poder a Sadam e, en troques, se alenta a outros tiranos que masacran o seu propio povo en países esquecidos por occidente? ¿Ten o goberno español unha resposta convincente e razoable a estas preguntas como para implicarnos na guerra? Témome que non.

O goberno español arrástranos a unha guerra sen deterse a facer a máis mínima reflexión ética, sen avaliar as repercusións que terá para as nosas relacións cos países árabes e sen atender á maioritaria oposición cidadá a esta actitude. Bush, escravo dos intereses da industria do petróleo e do armamento, actúa coa lóxica arrepiante de quen pretende afianzar o seu poderío económico e militar. Que o estado español se sume sen matices á carreira da guerra desprezando principios que presume respectar e ignorando a vontade maioritaria dos cidadáns só pode interpretarse como unha tentativa de participar no reparto dos supostos beneficios do control mundial do subministro de cru.

Os mesmos que ata hai pouco aproveitaban calquera oportunidade para lanzar proclamas europeístas renuncian agora á súa independencia para se converter en adláteres dos Estados Unidos. Aznar, outrora partidario da construcción dunha Europa forte, escolle refuxiarse baixo o paraugas estadounidense separándose daqueles países que manteñen erguida a bandeira da ilustración e o progreso, os sinais de identidade da nosa Europa. Aínda están por explicar os escuros intereses que se agochan tras unha decisión que racha co tradicional papel de mediador da UE e que probablemente sementará dúbidas e desconfianzas no proceso de construcción europea.

Sen debate, sen explicacións claras, téntase amosarnos como inevitable o recurso ás armas. Opoñerse ao desatino da guerra é considerado polo presidente do Goberno deslealdade. Submisión e adhesión inquebrantable é o que se reclama daqueles aos que se nos considera súbditos, que non cidadáns. Esa forma de entender a democracia é a que xera comportamentos como a ignominiosa campaña de acoso á que se someteu aos artistas e intelectuais que expresaron o seu íntimo desexo de paz.

O goberno lévanos á guerra sen argumentos de peso, sen dármonos a oportunidade de decidir e procurando agochar as protestas con censura e propaganda. Estase atropelando calquera presuposto ético, como cando se asocia a inmigración con delincuencia ou se nega a realidade do chapapote nas praias. Ante este desalentador panorama é preciso que icemos de novo a bandeira da solidariedade entre os povos, que recuperemos os vellos lemas que enxalzaban os valores da tolerancia e do respecto aos dereitos humanos, e que fagamos escoitar a nosa voz esixindo diálogo para a paz. É hora de que expresemos con claridade e firmeza o noso “NON Á GUERRA”.

Lois P. Castrillo
Alcalde de Vigo