Escoitar

Os tribunais recoñécenlle a Vigo o dereito a participar no reparto do Fondo de Cooperación Local

xoves, 13 feb 2003
O Concello de Vigo acaba de gañar nos tribunais un recurso que lle recoñece o seu dereito a participar no reparto do Fondo de Cooperación Local. En 2001 a Xunta decidira excluír as cidades de máis de 50.000 habitantes da posibilidade de acceder a eses fondos, o que lle supuxo ao municipio vigués unha merma de ingresos naquel ano en torno aos 3 millóns de euros.

O Concello de Vigo presentou en 2001 un recurso contra o decreto da Xunta 260/2001 que apartaba Vigo da participación dos ingresos da Comunidade Autónoma. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiuno e acaba de dictaminar a nulidade do “artículo 2 de dita disposición regulamentaria no particular de excluir do elenco dos beneficiarios os municipios cunha poboación superior aos 50.000 habitantes, por non atopala axustada ao ordenamento xurídico”.

O alcalde de Vigo porase en contacto nos próximos días co conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para buscar unha solución negociada á aplicación desta sentencia. Segundo explicou o responsable de Facenda de Vigo, Xavier Toba, o Concello vigués non ten ningún interese en seguir mantendo un enfrontamento xudicial coa administración autonómica, polo que prefire chegar a un acordo institucional.

Toba dixo que se recorreu aos tribunais ante o fracaso das negociacións mantidas co conselleiro Orza en 2001 para pactar a distribución dos Fondos de Cooperación Local. Xavier Toba considera que a decisión que tomou a Xunta naquel momento de discriminar Vigo no reparto dos fondos era manifestamente inxusta, polo que o goberno municipal tiña o deber de defender os intereses da cidade nos tribunais. A distribución dos Fondos na actualidade xa ten en conta as cidades de maior poboación de Galicia. Toba cre que a Xunta se viu obrigada a rectificar cando comprobou que o Concello de Vigo ía gañar o recurso presentado. En calquera caso, o goberno vigués non vai renunciar á cantidade que lle correspondería percibir no ano 2001, polo que tentará chegar a un acordo coa Consellería de Economía para evitar pedir a execución da sentencia.