Escoitar

O Concello xa iniciou os traballos para construír o aparcamento gratuíto de 500 prazas no hospital

O goberno local deu comezo aos traballos de preparación e aos trámites urbanísticos precisos para construír no novo hospital un aparcadoiro gratuíto de 500 prazas. Caballero amosou en rolda de prensa a súa preocupación pola seguridade dos usuarios que aparcan os vehículos en zonas perigosas por non pagar os elevados prezos do parking privado.

venres, 25 set 2015
Abel Caballero deu conta do inicio dos traballos para preparar a parcela municipal na que vai construír un aparcadoiro gratuíto de 500 prazas no novo hospital de Vigo. Tal e como indicou, o próximo luns comezará o desbroce do terreo e o martes, iniciarase o estudo topográfico e inmediatamente despois, licitarase o proxecto. Para aforrar tempo, indicou, desde a Xerencia de Urbanismo estase a tramitar o cambio de uso da parcela para que poida utilizada. Durante a súa comparecencia, o alcalde avanzou que o Concello xa está a traballar na procura de máis prazas e estuda posibilidades como alugar outras parcelas privadas, realizar un aparcamento en altura ou utilizar un terreo municipal no que habería que facer un importante desmonte.

Caballero amosou a súa preocupación pola seguridade dos usuarios xa que aparcan os vehículos en zonas prohibidas e perigosas para evitar o pagamento "dos prezos astronómicos" do aparcamento privado construído pola Xunta.