Escoitar

O goberno de Vigo aproba o novo proxecto para Tribuna, que estará concluída nun ano

O alcalde anunciou este martes que a Xunta de Goberno Local aprobou, por 5,2 millóns, o novo proxecto de execución da obra da segunda fase da bancada de Tribuna e a súa cuberta, como parte da remodelación integral do estadio de Balaídos. Segundo detallou Caballero, a obra comezará en novembro ou inicios de decembro e deberá estar terminada en agosto de 2016, antes de que comece a tempada 2016/2017.

martes, 21 xul 2015
Abel Caballero informou este martes da aprobación, na sesión da Xunta de Goberno Local, do novo proxecto de execución de obra da fase II da bancada de Tribuna e a súa cuberta, no estadio municipal de Balaídos.

Unha vez aprobado o proxecto, cun importe de 5.234.000 euros, o Concello de Vigo abre o proceso administrativo -aprobación de pregos para a licitación, publicidade da mesma, apertura e valoración de ofertas para a adxudicación final e formalización do contrato- e prevé que as obras estean xa en marcha no mes de novembro ou, como tarde, a comezos de decembro.

O proxecto inclúe modificacións técnicas e de materiais, tanto para a cuberta como para a fachada do estadio, apuntou o rexedor. Ademais de demoler a cuberta existente para a instalación da nova, tamén se acometerá o reforzo da estrutura de suxeción. Caballero asegurou que a aprobación do proxecto é un "paso importantísimo" para a construción dun "novo estadio" de Balaídos, obra que cualificou como "proxecto de cidade".