O Auditorio Mar de Vigo acolle a estrea de "Eclectic Man", o novo espectáculo de Rafael Amargo

O alcalde de Vigo e o propio bailarín e coreógrafo presentaron este mércores no Concello a nova montaxe de Amargo, con estrea o 12 de abril no Mar de Vigo. O espectáculo inclúe música, baile e poesía e suma a presencia de Laura Llader e os nenos do Pelouro. O artista cederá os seus honorarios ao Centro de Innovación e Investigación Psicopedagógica O Pelouro.

mércores, 9 abr 2014
1397061016amargo.JPG
Estrea mundial no Auditorio "Mar de Vigo". O bailarín e coreógrafo Rafael Amargo presentará, o próximo 12 de abril, o seu novo espectáculo, titulado "Eclectic Man", unha montaxe chea de forza na que a súa compañía e músicos estarán arroupados por Laura Llader e os Nenos do Pelouro.

"Eclectic Man" xoga coa propia natureza dun bailarín que soubo conxugar o flamenco e a danza de raíz co máis espectacular do baile contemporáneo. Amargo elixiu o Auditorio "Mar de Vigo" para estrear un espectáculo que levará logo por España e o mundo, pois falamos dun dos artistas españois de maior renome internacional na actualidade. As entradas para o espectáculo de Rafael Amargo o sábado 12 de abril están á Servinova.

Rafael Amargo é un bailarín e coreógrafo ecléctico. Soubo inspirarse no máis puro flamenco dos seus mestres, pero á vez asimilou outro tipo de tendencias coreográficas, como as ensinanzas na escola de Marta Graham durante a súa estanza en Nova York. As súas coreografías rebordan unha concepción tradicional e á vez actual. Ás veces son moi próximas ao baile contemporáneo, pero nunca perden o punto de referencia da esencia do flamenco.

En "Eclectic Man", Rafael Amargo reivindica a súa arte para conxugar xéneros diversos e levalos á escena. Consegue así un espectáculo total, que sen dúbida saberá chegar a públicos diversos ao longo do mundo, pero sen perder nunca a esencia das súas raíces. Amargo é un reivindicador da compañía de baile, e do concepto teatral e escénico do flamenco (coa inevitable referencia ao seu admirado Antonio Gades). E mantén unha incansable busca de inspiración en todas as disciplinas plásticas, pola súa relación co mundo artístico e cultural, que lle permitiu ser apadriñado nos inicios da súa carreira por artistas como Luis Gordillo ou Esperanza D'Ors; ser fotografado por Bruce Weber e Christopher Makos, ou coreografiar, para o Museo Chillida de Hernani, unha peza inspirada na obra do escultor.

Amargo é un artista premiado, que ao longo da súa traxectoria recibiu catro Premios Max de las Artes Escénicas, o Premio ao Mellor Espectáculo da Década (por Poeta en Nova York, en 2002) ou que foi nomeado aos "Lawrence Olivier Awards" como Mellor Coreógrafo de Teatro pola súa montaxe do musical "Raposo", no West End de Londres.
Descargar todas as imaxes