Goberno local e avogados rexeitan a nova lei e reclaman que Vigo sexa a referencia xudicial na provincia

O alcalde e o decano do Colexio de Avogados de Vigo mantiveron unha reunión este mércores para falar do anteproxecto de Lei do Poder Xudicial, que elimina o partido xudicial de Vigo pasando a ser sede delegada de Pontevedra. Ambos coincidiron en rexeitar o texto e esixiron que, de sair adiante a lei, Vigo sexa a referencia na provincia.

mércores, 9 abr 2014
1397060494avogados.JPG
Segundo afirmaron en sendas comparecencias ao remate da entrevista, Vigo multiplica a poboación de Pontevedra e triplica o número de causas que dirimen os seus xulgados polo que, de aprobarse a lei do Poder Xudicial que estipula un único Tribunal de Instancia por provincia, éste debería ser o de Vigo.

Abel Caballero sinalou que o goberno que dirixe e os avogados "compartimos a indignación" polo texto aprobado o pasado venres no Consello de Ministros, que conlevaría a perda do partido xudicial de Vigo e pasaría a converterse en sede delegada con referencia en Pontevedra e, de cara ao futuro, "nada garante que non camiñe á extinción, máis ben podemos supor o contrario", asegurou, xa que o anteproxecto legal ten a "filosofía" de concentrar os servizos xudiciais nas capitais de provincia.

O alcalde recordou que a nova lexislación contempla unha única referencia provincial e, neste contexto, asegura que debe ser Vigo. Ademais, apuntou Caballero que desaparecerían as audiencias provinciais, co que todo se centralizaría no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, localizado na Coruña. Avanzou o primeiro edil que, de entrar en vigor a lei de Gallardón, "non descartamos pedir unha sede do TSXG en Vigo"; deste modo, Galicia seguiría o modelo de Andalucía, que conta con dous: en Sevilla e en Málaga.

Caballero subliñou a "coincidencia total" de planteamento entre o Concello de Vigo e o Colexio de Avogados da cidade no tocante ao anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, na primeira das entrevistas programadas polo alcalde para coñecer o parecer do sector e da cidadanía ao respecto.
Descargar todas as imaxes