Escoitar

A Corporación aproba o investimento de 5,9 millóns do superávit municipal de 2012

O goberno local sacou adiante a modificación de crédito para investir os 5,9 millóns de euros resultantes do superávit acadado polo Concello de Vigo no ano 2012. A tenente de alcalde, Carmela Silva, explicou que as melloras beneficiarán ao "conxunto da cidade" e suporán "unha importante fonte de xeración de emprego".

xoves, 23 xan 2014
Os votos do goberno local e do grupo municipal do Partido Popular, xunto á abstención do BNG, validaron a modificación orzamentaria debatida este xoves polo Pleno da Corporación Municipal, un total de 5,9 millóns de euros procedentes do superávit municipal do ano 2012.

A tenente de alcalde, Carmela Silva, defendeu a proposta ante a Corporación e recordou que as melloras aprobadas son demandas dos vigueses e atenden ao "conxunto da cidade", desde o centro ata os barrios e as parroquias. A socialista recordou que o superávit pode ser investido porque "somos un concello modelo no cumprimento dos requisitos que marca a lei" e as obras con cargo a estes 5,9 millóns continuarán "avanzando na transformación da cidade" e conlevará "unha importante fonte de xeración de emprego" en Vigo.

O PP respaldou ao goberno local "por coherencia e por responsabilidade", en verbas do seu voceiro, Miguel Fidalgo, quen explicou que son obras "necesarias" que se acometen grazas ao voto favorable do seu grupo. Fidalgo viu neste plan un "parche" e solicitou a elaboracion dun orzamento para 2014, ao tempo que censurou que o goberno local obteña superávit e negue unha baixada de impostos.

Pola súa banda, a voceira nacionalista, Iolanda Veloso, xustificou a abstención do seu grupo por non ser suficiente este plan de investimentos, que recolle propostas efectuadas do BNG, e demandar un orzamento para o presente ano que atenda á política social e de emprego.

Carmela Silva concluíu reiterando que o goberno local presentará un orzamento municipal para 2014 e indicando que "ningún cidadán de Vigo está sen atender por este concello", inclusive en competencias que non son municipais, como a social, educativa ou de vivenda.

O goberno de Vigo adicará os 5,9 millóns a melloras na grada de río do estadio municipal de Balaídos -un millón de euros-, as parroquias da cidade recibirán aproximadamente dous millóns de euros e os barrios históricos, 360.000 euros. 420.000 euros irán adicados para renovar o céspede dos campos de fútbol de Travesas e Samil, 300.000 euros para mellorar a accesibilidade dos colexios de Vigo e outros 400.000 euros para o parque infantil de Castrelos.