Escoitar
Inaugúrase o venres 24 de xaneiro, na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Exposición "Da mimese á creación. O Obradoiro de Pintura da Escola de Artes e Oficios"

A exposición amosa o traballo do Obradoiro de Pintura da Escola Municipal de Artes e Oficios cunha fonda reflexión sobre o traballo de investigación que sobre a forma e a cor realiza desde o primeiro curso o alumnado da especialidade de Pintura.

xoves, 23 xan 2014
1390473033mimese1.jpg
O título, DA MIMESE Á CREACIÓN, tenta reflectir o proceso que segue o alumnado na aprendizaxe da materia, pois exhíbense desde os seus primeiros traballos de copia do natural --coa técnica do pastel e a acuarela--, ata os traballos en técnicas mixtas e óleo, nos que a expresividade está moi presente e a creación, a partir do estudo e a investigación, é moi importante.

A exposición mostra as distintas liñas de investigación, a partir, non só das obras, senón tamén de vídeos e fotografías que explican o proceso (exhíbense tamén libros de artista e cadernos de esbozos en caixas e peañas) de evolución estilística de cada alumno e alumna, no que cada un fai unha obra persoal, sobre todo a partir do segundo curso. É importante a presenza na exposición do PROCESO a partir da mimese no primeiro ano, coa copia do natural, ata a creación individual a través da experimentación.

Este PROCESO, como parte dun traballo tanto manual como intelectual, incide na importancia da aprendizaxe a partir dun método participativo, no que o alumnado vai xerando o seu propio espazo de traballo, e no que estarían implicados tanto o profesorado como os medios que ofrece a escola: biblioteca, blog, e todo tipo de actividades levadas a cabo tanto dentro do espazo da EMAO como fóra, coa participación do alumnado en concursos ou as visitas guiadas realizadas a distintos espazos expositivos (museos, salas e obradoiros de artistas).

A idea de propoñer un tema tan amplo para a mostra vén dada pola necesidade de empregar distintas técnicas pictóricas, así como outras expresións artísticas como as instalacións ou a fotográfía, polo que na mostra aparecen:
-Pastel, acuarela, óleo e acrílico
-Técnicas mixtas, collages fotográficos
-Distintos soportes, como metacrilato, cristais ou soportes dixitais.

Quérese exemplificar así o desenvolvemento do traballo na aula tanto neste curso como no precedente; cada un deles aparece na exposición en relación co que se fai en cada aula en cada curso. Nesa intención de comprensión expóñense tamén fotos do proceso e esbozos preparatorios.

A mostra, pois, reflicte o traballo realizado polo alumnado de pintura durante todo o curso e, con ela, quérese salientar a importancia da Escola de Artes e Oficios viguesa, como referente en relación ao traballo pictórico e o ensino desde unha perspectiva contemporánea.

Salientar, finalmente, a exhibición dun vídeo, realizado polo propio Obradoiro, no que o alumnado fala tanto das obras que están a facer, como da súa implicación coa Escola, mentres na pantalla preséntanse obras realizadas durante os tres cursos.
Descargar todas as imaxes