Escoitar

O goberno local aprobará o venres que o bonobús sexa só para empadroados en Vigo

A Xunta de Goberno Local acordará mañá venres, segundo adiantou hoxe o alcalde, que as tarxetas verdes de VITRASA se emitan só para os censados na cidade. Caballero argumentou que "os impostos de Vigo teñen que ser para pagar os servizos de Vigo", xa que os viaxes cos bonos están subvencionados polo Concello.

xoves, 16 xan 2014
1389880524Imagen005.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobará este venres que as tarxetas verdes do VITRASA expedidas desde mañá sexan unicamente para os empadroados na cidade.

Segundo revelou Caballero, o goberno de Vigo validará mañá a proposta de modificación dos requisitos para a obtención do bonobús, decisión adoptada porque "os impostos de Vigo teñen que ser para pagar os servizos de Vigo". As tarxetas verdes, cun coste inferior por traxecto para os beneficiarios que a tarifa ordinaria, están subvencionadas polo Concello con 12 millóns de euros e actualmente existen entre 300.000 e 400.000 en circulación.

O alcalde emprazou aos municipios limítrofes, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia a conveniar co Concello de Vigo o uso bonificado destas tarxetas para cidadáns doutras localidades, facéndose cargo da subvención, tal e como precisou Caballero.

As tarxetas verdes en funcionamento continuarán operando con normalidade "de momento", indicou o rexedor, con independencia do censo do usuario. O Concello prevé iniciar a "transformación" deste sistema noutro no que as axudas ao transporte de Vigo sexan para os empadroados na cidade.
Descargar todas as imaxes