Escoitar

O Concello amplía os beneficiarios e concede este curso case 5.500 bolsas de comedor escolar

O alcalde informou este mércores do inicio da tramitación para conceder outras 453 axudas aos solicitantes que quedaron en lista de agarda, co que ninguén que cumpra cos requisitos queda este curso sen bolsa de comedor escolar. Caballero anuncia a súa intención de ampliar a partida para o próximo ano.

mércores, 15 xan 2014
1389790504alcalde6.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que a pasada semana, unha vez en vigor a prórroga do orzamento municipal, deu comezo o aviso aos solicitantes de bolsa de comedor que quedaron en lista de agarda, 453 beneficiarios que recibirán tamén a achega municipal.

Segundo revelou, ao comezo do curso o goberno local outorgou 4.996 solicitudes, aos que se suman estas 453 que se conceden en xaneiro e que cubre a totalidade da demanda de axudas de comedor escolar, case 5.500 en total. O rexedor explicou que "a crise está a ser moi dura", polo que o goberno que preside da "prioridade absoluta" á materia e "en todo o ano 2014 non imos deixar a ninguén sen bolsa de comedor".

Abel Caballero recordou que o investimento municipal nas bolsas xa concedidas se incrementou nun 14% sobre o ano anterior, acadando os 1.656.000 euros. Na decisión de conceder outras 453 axudas, o goberno local investirá entre 160.000 e 200.000 euros máis, e o socialista avanzou a súa intención de "ampliar a partida" orzamentaria nas próximas contas municipais.

O alcalde reclamou á Xunta de Galicia que acometa as ampliacións dos comedores nos colexios da cidade que o precisen e lamentou que, sobre esta cuestión, o goberno autonómico "non quere saber nada". De feito, nunha visita recente, Caballero recibiu á solicitude do colexio García Barbón para ampliar o espazo, que acometerá o Concello pese a non ser competencia municipal.
Descargar todas as imaxes