Escoitar
O Consorcio da Zona Franca mercará os terreos para dedicalos a uso público

Castrillo afirma que a adquisición da ETEA é unha oportunidade que non se pode desperdiciar

venres, 29 nov 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o delegado do Estado na Zona Franca, Pablo Egerique, anunciaron que existe un principio de acordo para que os antigos terreos da ETEA, en Teis, pasen a ser de uso público. O Consorcio da Zona Franca asinará o vindeiro 9 de decembro un protocolo co Ministerio de Defensa para a adquisición dos 130.000 m2 de superficie que ata agora albergaban instalacións militares.

Castrillo amosouse moi satisfeito con esta operación porque, segundo dixo, permitirá recuperar para uso de todos os vigueses unha enorme superficie a carón do mar. O alcalde vigués opinou que non se podía deixar pasar a oportunidade de adquirir estes terreos, xa que constitúen o mellor espacio para crear dotacións públicas no litoral da cidade.

Lois Castrillo explicou que o Ministerio de Defensa non podía legalmente ceder de forma gratuita os terreos da ETEA. A taxación oficial da superficie era demasiado elevada para que o Concello puidese adquirila, polo que o alcalde considera que a mellor opción era a compra por parte do Consorcio da Zona Franca para que os terreos pasaran a ser de uso público. En caso de que non se realizase esta operación a ETEA podería ser obxecto dunha subasta.

O Consorcio asinará o 9 de decembro un protocolo de intencións co Ministerio de Defensa no que se establecerán as pautas da operación de compra. Posteriormente, o Ministerio procederá á desafectación dos terreos e á declaración de alienabilidade. Na próxima primavera asinarase o convenio definitivo para a transmisión da titularidade da ETEA. O prezo de compra non está fixado aínda, pero en ningún caso superará os 29 millóns de euros.

O Consorcio, de acordo co Concello, convocará un concurso de ideas para decidir que tipo de dotacións públicas se crearán nos terreos. Entre mentres, o Consorcio encargarase da vixilancia e mantemento das instalacións existentes.