Escoitar

O Concello cooperará con Air France na promoción do Vigo-París e conmemorará os dez anos da ruta

O alcalde mantivo onte martes unha reunión con directivos da compañía gala e acordaron promocionar conxuntamente a ruta e celebrar, no 2014, o décimo aniversario da mesma. Air France estudará retomar un segundo voo diario de cara á próxima tempada e Caballero salientou a importancia de París como escala viguesa cara ao resto do mundo.

mércores, 13 nov 2013
1384347254alcalde6.jpg
Abel Caballero e a dirección da aeroliña pasaron revisión ao estado da conexión entre Peinador e o Charles de Gaulle, ruta que cumprirá dez anos en 2014. O alcalde trasladou que a compañía estudará pormenorizadamente os datos do Vigo-París para valorar a posibilidade de retomar, de cara á próxima tempada, o segundo avión diario que acaban de retirar.

O rexedor indicou que o nivel de ocupación foi "moi alto" no pasado verán, estimado no 70%, cos catro percorridos diarios. Caballero salientou o "importante papel de Air France" como aeroporto de conexión con outros destinos internacionais, un tráfico que non computou a empresa no seu análise e que incluirán.

Abel Caballero avanzou que manterán "contacto permanente" coa aeroliña para promocionar conxuntamente esta ruta, que opera sen ningúnha subvención pública. "Vamos a unir esforzos" para traballar "conxuntamente" e conmemorar o décimo aniversario da conexión coa capital francesa. O Concello, a través do Plan de Competitividade, conta cunha partida orzamentaria que será empregada, en parte, para "financiar o turismo desde París", apuntou o socialista.

Por outra banda, o alcalde trasladou a protesta de Air France -e "teñen razón", asegurou- pola "competencia desleal" que padece a empresa polas subvencións públicas que concede a Xunta de Galicia á conexión entre Santiago de Compostela e París. Air France quere funcionar en igualdade de condicións, en función do libre mercado e sen apoios públicos para ninguén.
Descargar todas as imaxes