Escoitar

O Concello recepciona a urbanización Aires despois de executar as fases pendentes de realización

A quebra da promotora deixou fases desta nova urbanización sen realizar e o Concello de Vigo executou subsidiariamente as obras, xa rematadas e recepcionadas. Así o comunicou hoxe venres o alcalde tras pasar pola Xerencia de Urbanismo. Caballero agradeceu a "fantástica" colaboración dos propietarios.

venres, 8 nov 2013
O alcalde recordou que esta nova zona da cidade estaba nun "moi serio e grave problema desde 2009", pola quebra da promotora que deixou fases "importantes" da urbanización Aires sen rematar.

Grazas a colaboración "fantástica" dos propietarios, o Concello de Vigo procedeu en abril a execución subsidiaria das obras para rematar coa urbanización, adxudicadas en xuño e xa concluídas, facendo posible a recepción das mesmas polo goberno local.

Abel Caballero recordou que ésta era unha "nova urbanización" con "centos de veciños" que carecían de iluminación, entre outros servizos básicos, ao non estar concluída nin recepcionada. O alcalde felicitou a tenente de alcalde, Carmela Silva, e o edil de Fomento, David Regades, polo traballo realizado.

Escola infantil
O alcalde informou asemada das 19 licenzas de obra e 8 de actividade concedidas esta semana pola Xerencia de Urbanismo, para un investimento total superior ao millón de euros. Entre as mesmas, Caballero salientou o permiso concedido á entidade local menor de Bembrive para a construción dunha nova escola infantil na parroquia, cun orzamento próximo aos 600.000 euros.