O alcalde reclama apostar polas renovables e data para este ano a ordenanza para vehículos eléctricos

O Concello, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e FAIMEVI organizan as Xornadas Técnicas Galegas de Enerxías Renovables, que se celebran hoxe e mañá, 19 de setembro, no Auditorio Municipal. Caballero defendeu na inauguración que a sostenibilidade debe recuperar o protagonismo perdido pola crise.

mércores, 18 set 2013
1379505861energias.JPG
O alcalde de Vigo, durante o acto de apertura destas xornadas, explicou que a crise e o desemprego centra a axenda política e cidadá nos últimos anos e desprazou ao cambio climático e a sostenibilidade na orde de prioridades. Defendeu a aposta municipal polas enerxias alternativas e recordou algunhas das medidas implantadas desde o Concello para mellorar a eficiencia enerxética, singularmente no alumeado público. Caballero explicou que o goberno local está a ultimar unha nova ordenanza reguladora do uso dos vehículos eléctricos, con vantaxes económicas e de circulación para os seus titulares, que será presentada este mesmo ano.

O alcalde e o concelleiro de Fomento inauguraron este mércores esta cita no Auditorio Municipal, xunto ao vicedecano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrais de Galicia e ao director da Fundación FAIMEVI. Durante hoxe e mañá, 19 de setembro, prestixiosos profesionais do sector e algunhas das principais empresas especializadas abordan as novidades tecnolóxicas en cada modalidade de enerxía renovable (sol, vento, auga, terra, aire, biomasa...) e avalían o presente e o futuro das mesmas, tras as últimas medidas do Goberno de España que provocaron recortes nas axudas á producción.

O programa para os preto de 150 asistentes deu comezo cunha sesión sobre o financiamento dos proxectos para continuar co estudo das distintas especialidades da enerxía e concluirá cunha mesa redonda que analizará a situación actual e as perspectivas de futuro desta industria. Xunto á organización, esta cita conta co patrocinio de empresas de ámbito nacional e internacional e asociacións profesionais, ademais da colaboración de colexios profesionais e escolas técnicas, asociacións, clústeres e centros tecnolóxicos, e revistas técnicas.
Descargar todas as imaxes